Coa vista posta no Día Mundial do Medio Ambiente, Equiocio Ferrol súmase por segundo ano á iniciativa “1m2 contra la basuraleza”, do proxecto Libera, que impulsan en toda España Ecoembes e SEO Birdlife.
Persoas usuarias e profesionais de distintas entidades do ámbito sociosanitario de Ferrolterra, que colaboran habitualmente co certame hípico e de lecer familiar, participarán este sábado 1, a partir das 11.00 horas, nunha acción de limpeza en Esmelle.
A iniciativa colaborativa, destinada a recoller residuos abandonados en espazos naturais, terá como escenario o tramo do río Xunto máis próximo á súa desembocadura na praia de Esmelle. Un punto que non queda lonxe do Campo das Cabazas, onde se celebra o evento cada verán.
Con esta chamada á acción, Equiocio Ferrol quere concienciar sobre a problemática existente cos residuos, poñendo o seu gran de area para reverter a situación, e para contribuír a adopción de prácticas máis sostibles e respectuosas coa contorna.
A organización proporcionará os medios (luvas e bolsas) e indicacións para realizar a limpeza. Os residuos retirados clasificaranse e, coa colaboración do Concello de Ferrol, entregaranse a xestores autorizados para o seu axeitado tratamento.
A proposta, que aúna medio ambiente e compromiso social, marcará o arranque do calendario de actividades previo a Equiocio Ferrol, que volverá en agosto, co apoio do Concello de Ferrol, a Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e de grandes firmas galegas como Gadis e Estrella Galicia.