A Deputación da Coruña programa preto de 1.200 espectáculos

A Rede Cultural da Deputación da Coruña 2024 programa durante este ano e o primeiro trimestre de 2024 un total de 1.182 espectáculos, que chegarán a 91 concellos do territorio. A institución provincial realizará neste exercicio un investimento no circuíto de 1.513.435,20 euros.

Montaxes escénicas, audiovisuais, música, danza, ou maxia conforman a oferta que a Deputación cofinanciará cos concellos. Por programas, os 1182 espectáculos distribúense do seguinte xeito:

Escena ao vivo’, programa de propostas profesionais de teatro, monicreques, maxia, danza e música para concellos: 846 espectáculos (455 de teatro, 284 concertos, 77 de maxia e 30 de danza).

‘Visións’, programa profesional de cinema e contidos audiovisuais para concellos: 70 filmes.

‘Lingua a escena’, programa de espectáculos profesionais de artes escénicas e música para concellos, especializado en contidos relacionados coa dinamización social da lingua galega:  134 actuacións.

‘Alicerce’, programa de grupos de música, danza e teatro non profesional para concellos e entidades: 132.

A Deputación asume o 75% do orzamento das actuacións da Rede Cultural en concellos de menos de 5000 habitantes, o 60% nos que teñen entre 5000 e 10.000, o 50% nos de entre 10.000 e 20.000, o 40% nos de entre 20.000 e  50.000 e finalmente un 30% nos que superan os 50.000.

No relativo á programación, a Rede Cultural 2024 inclúe concertos de Silvia Penide, Sés, Fillas de Cassandra, Guadi Galego, Treixadura, Dakidarría ou Músculo.

As principais propostas da escena galega forman parte tamén do catálogo desta edición con espectáculos de obras teatrais e monólogos de David Perdomo, Tarabela Creativa, Xosé Touriñán, Teatro Calavera ou Migallas Teatro.

Ampla é tamén a oferta para as crianzas, nunha aposta por achegar ós nenos aos espectáculos ao vivo contribuíndo á creación de novos públicos cunha oferta na que se inclúen Caramuxo Teatro, Peter Punk, Mago Rafa, Pakolas, ou Mago Romarís.

Ademais, a Rede Cultural inclúe a exhibición de filmes como Matria, As Bestas, O Corno ou Cuñados.

Lea también

O Ateneo Ferrolán proxecta o filme «Linda» dentro da programación 25N

Este venres dia 22 as 19.30h dentro da programación do 25N “Día contra a Violencia …