O grupo municipal socialista esixe explicacións ao alcalde sobre «a suposta retirada da reclamación xudicial polo reparto de custos do saneamento do Concello de Ferrol ao de Narón».
Os socialistas lembran que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia xa dera a razón á administración ferrolá en febreiro de 2023 pola contía a pagar pola explotación dos interceptores xerais do saneamento
O Grupo Municipal Socialista de Ferrol solicita ao goberno municipal explicacións sobre «a presunta retirada da reclamación xudicial ao Concello de Narón, aprobada en pleno municipal co apoio do Partido Popular na data do 22 de agosto de 2022, ao tempo que asegura non entender que “teñamos que ser as ferrolás e os ferroláns os que suframos unha suba da taxa de auga do 40% de media, e asumamos as consecuencias destas decisións do goberno de José Manuel Rey Varela con respecto a todo o que atinxe a Emafesa”».
Como destacan dende as filas socialistas, «o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en febreiro de 2023 xa dera a razón ao Concello de Ferrol pola contía que debe pagar pola explotación dos interceptores xerais do saneamento, reducindo do 70% ao 60% a participación ferrolá nos custes».
Hai que lembrar que o anterior goberno de Ferrol, liderado polo socialista Ángel Mato, interpuxera unha demanda contra o Concello de Narón ao considerar que «as porcentaxes de reparto de custos do servizo de saneamento non se axustaban á realidade e estaban descompensados, posto que Ferrol asume, e asume aínda na actualidade, o 70% do custo do servizo fronte o 30% de Narón».
«A pretensión do anterior goberno socialista local era un axuste do 60-40%, tal e como recomendaban os estudos realizados tanto polo propio Concello de Ferrol como por Augas de Galicia. Malia estes informes, a falta de entendemento levou a situación aos tribunais».
Finalmente, o grupo socialista entende que «calquera decisión de retirada desta reclamación xudicial debería ser debatida e votada no pleno municipal, “asegurando así a transparencia e o cumprimento dos procedementos establecidos».