Cedeira acollerá este sábado 13 a III Xornada da Liga Galega de Karate, na que se rexistrou un novo récord de participación, ata chegar as 626 inscricions de 32 clubes.
Degundo explicou o presidente da Federación Galega de Karate, Óscar Lafuente López, na presentación da proba, a cifra máis alta de deportistas rexistrada na historia desta disciplina en Galicia. Lafuente estivo acompañado, na presentación do evento no Concello de Cedeira, por Juan Carlos González, directivo da escola de Karate de Cedeira, e polo primeiro tenente de alcalde, Xosé Arribe.
Trátase dunha competición oficial, recollida no calendario deportivo da Federación Galega de Karate, que se desenvolve en diferentes xornadas. O seu obxectivo é de carácter promocional tendo como destinatarios aos deportistas das categorías de base, nas modalidades de Kata (formas) e Kumite ( combate).
As categorías en competición son as seguintes: pre-benxamín (ata os 5 anos), benxamín (6 e 7 anos); alevín (8 e 9 anos), infantil (10 e 11 anos), xuvenil (12 e 13 anos) e cadete (14 e 15).
A competición desenvolverase en xornada de mañá e de tarde, a primeira de 9.30 a 14.30 para as categorías xuvenil e cadete, e a segunda de 16.30 a 21.00h para pre-benxamín, benxamín, alevín e infantil.
O Club de Karate Cedeira participa con 18 deportistas. Ademais, podemos engadir a participación doutros clubs de Ferrolterra como por exemplo: Grupo Bazán, Artes Marciais Fene, Escola de Karate A Gándara, Escola de Karate Shiai Narón, Escola Superior de Karate de Narón, Karate Casino de Ares, Club Galea Sport, Renbukan, Bunkai, Beni Gym…
Poderase seguir en directo a través da canle de YouTube da Federación Galega de Karate e da plataforma web Karate Scoring. A entrada será de balde.