A Deputación da Coruña despediu unha nova edición do Galicia Fórum Gastronómico, onde participou durante os tres días de duración cun stand propio no que se desenvolveron múltiples actividades para poñer en valor o traballo de produtores e produtoras locais e chefs da provincia, en liña coa súa campaña turística e gastronómica “A provincia que sabe”.
A área de turismo da entidade provincial, liderada polo vicepresidente Xosé Regueira, fai un balance moi positivo desta nova edición do fórum, “polo éxito de existencia ás nosas actividades; pola tipoloxía de público, tanto xeral como profesional, e polo nivel de calidade dun evento que é de referencia para o sector, a provincia e o país”, sinalou Regueira.
Un balance que secundan os produtores e produtoras que formaron parte do stand da Deputación: Cafés Lúa (Carballo), Choiva Viños (A Coruña), Casa da Avoa (Outes), Bodegas Lodeiros (Santiago), Apia Natura (), A Despensa d´Lujo (Coristanco), Pandejuevo (Cee) e Xearte Brigitte (Santiago). “É unha experiencia moi positiva que nos permite darnos a coñecer e reforzar a nosa imaxe ante o cliente profesional e final”, apuntan desde Cafés Lúa.
Os produtores destacan tamén as sinerxías que se establecen entre eles e que dan como resultado colaboracións e actividades conxuntas no propio fórum. Casa da Avoa destaca o espazo que lles ofrece a Deputación, “que aproveitamos para promocionar os nosos produtos, que teñen moi boa resposta”. Valoracións que respalda Xearte Brigitte, que destaca “o bo ambiente e a mistura de público xeral con outro moi profesional” e agradece á Deputación “a oportunidade que supón participar nun evento como este, sobre todo para facer marca”.
Rematan, deste xeito, tres días de Galicia Fórum Gastronómico cunha xornada na que, ademais, o vicepresidente Xosé Regueira entregou os galardóns dos Premios Picadillo-Galicia Fórum Gastronómico 2024 na categoría divulgación a Rogelio Santos Queiruga e do I Concurso de Empanadas de Galicia a Gonzalo Blanco, do Restaurante Salitre.