O Xeoparque Cabo Ortegal sede dunha das probas da XV Olimpíada de Xeoloxía

A Olimpíada de Xeoloxía suma xa 15 anos celebrándose por todo o territorio galego, sendo elixido este ano o Xeoparque Cabo Ortegal para acoller unha das probas da sede da provincia de A Coruña, tras a súa recente certificación pola UNESCO.

Promovida pola AEPECT (Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra), xunto a Sociedade Española de Xeoloxía e o Colexio Oficial de Xeólogos, conta co apoio da asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal e o IES Cabo Ortegal de Cariño, lugar onde se celebrará esta actividade este mércores 7 de febreiro de 2024.

Ademais deste emprazamento, simultáneamente levaránse a cabo distintas probas nas outras sedes da Fase Galega, contando coa colaboración da Consellería de Educación, as facultades de Bioloxía de Santiago, de Ciencias da Coruña, a E.M.E. de Minas de Vigo e o Xeoparque Montañas do Courel.

No caso da sede do Xeoparque Cabo Ortegal participarán un total de 47 alumnos dos centros IES Concepción Arenal e IES Fernando Wirtz de A Coruña, IES Afonso X de Cambre, IES Concepción Arenal de Ferrol, IES Fernando Esquío de Neda, IES Virxe de Cela de Monfero e do IES Cabo Ortegal de Cariño.

Cabe resaltar que a preparación do alumnado para a Olimpíada de Xeoloxía na súa fase autonómica será recoñecida con 15 horas de innovación e/ou investigación educativa para o profesorado, 25 horas máis no caso de pasar á fase española. Ademais, o alumnado de 2o de bacharelato poderá optar ás bolsas que as universidades galegas conceden para as persoas premiadas nas olimpíadas científicas.

As probas constarán dunha parte teórica, con preguntas tipo test, e unha proba práctica por equipos en exteriores na contorna do Cabo Ortegal. Xa pola tarde, as e os participantes farán unha visita guiada polo Xeoparque Cabo Ortegal. As persoas que acaden a máxima cualificación en cada sede pasarán á Fase Española, que se levará a cabo o 13 de abril en Zamora.

Xeoparque Mundial da UNESCO Cabo Ortegal

A elección do Xeoparque Cabo Ortegal para acoller esta proba non é casual. Certificado no ano 2022 como Xeoparque Mundial da UNESCO, a peculiaridade desta zona reside en que atopamos en superficie rochas que habitualmente están no manto da Terra, a máis de 70 quilómetros de profundidade. É por isto que a xeoloxía ten aquí un grande campo para investigar e ampliar o seu coñecemento sobre os cambios e momentos que viviu o noso planeta durante millóns de anos.

A obtención de este distintivo da UNESCO posibilita e incentiva a ampliación do coñecemento do territorio. Os xeoparques exercen tamén como fio condutor dun turismo sostible e desestacionalizado, mesturando natureza con patrimonio, tradición, gastronomía…e por suposto, coa xeoloxía.

Lea también

Ortigueira, galardonada en el I Premio ‘Pioneiros da Pizarra’

El Concello de Ortigueira ha sido reconocido con el I Premio ‘Pioneiros da Pizarra’, un …