Narón conmemora o Día sen coches cun intenso programa de actividades

 
O Concello de Narón celebra este venres 22, varios actos para conmemorar a xornada do Día sen coches, enmarcados no programa da cidade con motivo da Semana Europea da Mobilidade.
 
Combina e móvete! é o lema desta iniciativa, a través da que se fará partícipes a escolares da cidade e cidadanía en xeral dunha serie de propostas ao longo do día e que continuarán na xornada do sábado.
 
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou os actos acompañada polos edís de Deportes, Ibán Santalla, e Seguridade Cidadá e Speis, José Oreona. Ferreiro anunciou que dende o Consistorio se procederá a cortar ao tráfico rodado a avenida Cataluña para desenvolver unha programación que se completará con obradoiros no interior das instalacións do Centro Comercial Odeón.
 
 
Ao longo da mañá, entre as 9.30 e as 13.30 horas, uns douscentos escolares de cuarto de Primaria dos colexios Ayala, Virxe do Mar, Santiago Apóstol, A Solaina e O Feal participarán, en quendas, en obradoiros de Primeiros auxilios e Loita contraincendios impulsados polo Speis de Narón e tamén nun Circuíto de habilidade da Dirección Xeral de Tráfico, xunto con outro de “Mobilidade segura”, para facer reflectantes para as bicis, impulsado polo citado centro no interior das instalación.
 
Tamén a empresa Re-xenera organizará un Scape room pola zona, sobre a temática “Mellora o teu planeta” e unha actividade de ximnasia rehabilitadora. Os obradoiros organizados polo Concello e o Scape room desenvolveranse na avenida Cataluña, salvo en caso de choiva que se impartirán no interior do Centro Comercial Odeón.
 
Así mesmo, na avenida Cataluña estarán a disposición das persoas que o desexen dúas bicicletas eléctricas, nas que poderán realizar un pequeno percorrido de proba. A maior parte da actividade, deseñada dende o equipo de Educación Viaria de Narón, concentrarase en horario de tarde, a partir das 16.30 horas.
 
Os clubs de xadrez, arco, remo, baloncesto, baile deportivo, tenis de mesa, voleibol, baloncesto en cadeira de rodas e música, entre outras, son algunhas das modalidades deportivas e culturais que estarán presentes este venres no Día sen coches e nas que poderá participar a cidadanía en xeral ata as 20.30 horas.
 
Así mesmo, na zona instalarase unha carpa informativa sobre actuacións do Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Narón, na haberá material informativo e onde se poderá realizar un percorrido virtual en bicicleta estática pola nova senda peonil e ciclista que enlaza os paseos de Freixeiro e Xuvia, cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Edusi. Ao remate do percorrido as persoas que o realicen recibirán un agasallo (camisetas, chalecos, pen drives, bolígrafos).
 
Xa pola noite, a partir das 19.00 horas, en colaboración co sector hostaleiro da zona, sucederanse os concertos de Broken Peach, Malditos Pendejos, Los Alcántara e Nuevo Plan. Na xornada do sábado 23 permanecerá tamén pechado ao tráfico rodado un tramo da avenida Cataluña, onde haberá sesión vermú, actuacións de DJ´s, concertos e promocións especiais, tal e como avanzaron hostaleiros da zona.
 
A alcaldesa destacou a importancia de conmemorar a Semana Europea da Mobilidade e de convocar, nestes días e tamén o resto do ano, actividades e acometer actuacións encamiñadas a “recuperar espazo para os peatóns nas rúas”. Ferreiro animou á cidadanía a acudir ás actividades programadas e agradeceu o labor de todas as persoas implicadas nestas iniciativas.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …