El mensajero del viento(Jorge Castro)

Miguel Alonso

Sempre é difícil comentar un disco novo, xa que os prexuízos que un ten sobre a música en xeral afectan moitísimo á hora de poñerse a escribir (e a xulgar). Cando a isto se lle xunta que o artista é coñecido ou amigo do que escribe aínda é máis difícil, xa que falar dese traballo é como falar dun sobriño ou dun afillado. Porén, ás veces, é tamén moi fácil comentar estes discos e este é o caso do novo cd do cantautor madrileño Jorge Castro, “El mensajero del viento”.

Non é a primeira gravación de Jorge, xa que fai un par de anos editou coa discográfica Picap (ao igual que este) “¿Quién eres tú?, un primeiro disco con grandes cancións que incluso contaba coa colaboración de Pablo Guerrero. Pero falemos do novo fillo que acaba de ser editado, que para iso estamos aquí.  Gravado no estudio do tamén cantautor Antonio de Pinto e con grandes colaboracións como a de Javier Bergia en “El aprendiz de loco” ou a do propio de Pinto en “El viento de enero” sobresae sobre todo polo seu intimismo ben entendido e polo seu minimalismo nos arranxos. Hai tamén grandes achegas dos músicos participantes, algún deles tan coñecido como Antonio Toledo, que nalgunhas cancións se encarga das guitarras, do baixo e ata da percusión.

Os temas que trata no traballo son, digámolo así, os “clásicos” da música de autor. Toca temas polémicos e sociais, en ocasións cun punto de ironía en cancións como “Comemos por usted”, falando da crise case a ritmo de cabaré ou “El siglo que viene”, un blues. Tamén deixa paso a temas máis introspectivos en “Noviembre”  e “Inventario”.  Ademais hai variedade musical, non crean. Nel poderán atopar, xa lles dixen, cabaré, blues, música de autor clásica, canción contemporánea e ata unha rancheira chamada “Aquella que me quiera”, na que entre outros, berra nos coros este que lles escribe.

Paga a pena pagar por un disco así nos tempos que corren? A resposta, sen dúbida, é si. Faraos reflexionar, como pouco, sobre a realidade que estamos a vivir e, ademais, coñecerán a unha das grandes promesas da canción de autor en España. Alguén da máis? Ben, por pedir pidamos unha xira ben planificada e que, cun pouco de sorte, pase por Galicia para o que vexan en directo. Queren coñecelo? Visiten entón a súa web www.jorgecastro.es . Mentres, aquí lles deixo o single do disco para que lle boten unha escoita: http://www.youtube.com/watch?v=3KiZlYwb0RA

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …