San Sadurniño adianta ao venres 21 a programación cultural do Día de Galicia

Achégase unha fin de semana marcada no calendario cunha chea de eventos en todo o país con motivo do Día de Galicia. Un 25 de xullo que este ano cae en martes, que é festivo de ámbito estatal e que para moitas e moitos será de ponte, se é que non están xa de vacacións. Por cadrar a comezos da semana que vén, o Concello de San Sadurniño decidiu adiantar ao venres 21 as dúas actividades programadas para o Santiago: a actuación ao mediodía de Galifunk Brass na Casa da Cultura, e a de Ghop!, que terá lugar na área recreativa da piscina municipal xa pola tarde. 

Galifunk Brass traerá a San Sadurniño o seu formato de grande banda de metais formada por intérpretes profesionais que ofrecen unha proposta ben orixinal, consistente en mesturar a música disco, o funky e outros estilos de onte e hoxe nun repertorio variado e con arranxos propios.

Segundo aseguran desde Culturactiva -a cooperativa que concentra o maior catálogo de espectáculos de Galicia-, Galifunk Brass Galifunk “ten como finalidade formar parte da cultura musical do país, dando un punto de vista diferente ao estilo de música ao que se adoita asociar a súa formación instrumental, apostando sempre polo bo gusto e por sorprender con temas que nunca se esperarían dunha agrupación destas características, ofrecendo un espectáculo moi variado, intepretando temas onde predomina a improvisación, ritmos pegadizos, a virtuosidade e mesmo pequenas incursións no rap”.

Con esta carta de presentación, que pode contrastarse nos seus vídeos en youtube, cabe agardar unha actuación sorprendente e deleitosa para o oído, á que poderemos asistir este venres 21 de xullo a partir das 13:00h na Casa da Cultura con entrada de balde.

O concerto ten parte do aforo cuberto, posto que a el asistirán as 35 nenas e nenos do programa lúdico Aldea de Verán xunto coa rapazada do Campus deportivo organizado polo CV Aldebarán, que sumará outros 25 espectadores e espectadoras.

Teatro de rúa na piscina
Xa no serán, a iso das 18:00h, as propostas culturais con motivo do Día de Galicia trasládanse á área recreativa da piscina co espectáculo GHOP!. Teatro de rúa “áxil, participativo e cheo de humor” que é en esencia  un show de varietés que combina e condensa nunha hora a mellor tradición dos malabares, o clown, a maxia, os monicreques e a música, pensando especialmente no público familiar.

A montaxe, producida por Teatro ó Cubo, conta con Sofía Espiñeira, Noel Fandiño e Roberto Casal encadeando números abraiantes que, segundo a compañía, “buscan homenaxear aos circos ambulantes que durante moito tempo percorreron as prazas de vilas e as aldeas”.

Tanto GHOP! como a actuación de Galifunk Brass forman parte da rede cultural Dinamiz-artj promovida polo Instituto para a Transición Xusta (ITJ) a través da Fundación Ciudad de la Energía-CIUDEN.

Xeorruta o sábado
Cómpre lembrar que de cara a esta fin de semana, o sábado día 22, ás 16:30h concretamente, tamén temos en San Sadurniño a primeira xeorruta do verán, que percorrerá a contorna do castelo de Naraío e do alto de Racamonde para mostrarnos as formacións graníticas que marcan o límite sur do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Ofértanse 20 prazas ao prezo de 10€ por persoa. As reservas para a Xeorruta das Pías, igual que para outras saídas organizadas polo xeoparque UNESCO, deben tramitarse a través da súa central en liña. 

 

Lea también

Herida leve una persona después de que un tren arrollase las ramas de un árbol circulando por Ortigueira

Una persona ha resultado herida leve en la tarde de este viernes después de que …