Iván Rivas Rico, candidato do BNG á alcaldia de Ferrol, considera «que é preciso que o vindeiro goberno local tome medidas para reducir a factura eléctrica municipal o que redundaría en beneficio dos veciños da cidade»
Iván Rivas, candidato do BNG, «comprometeu o compromiso do BNG para que o goberno municipal adopte decisións que axuden a rebaixar a factura eléctrica do noso concello, tanto na redución do consumo como na xestión da propia enerxía e a súa forma de contratación de cara a buscar o abaratamento desta factura municipal»
Iván Rivas, candidato do BNG, propón como medida «que sexa o concello directamente quen xestione a compra de enerxía eléctrica para o suministro das súas instalacións. A xestión directa por parte de persoal municipal de mercar a electricidade que consumimos é un procedemento que cada día están a desenvolver máis concellos no noso país e no conxunto do estado»
O BNG, propón «aproveitar que o contrato de subministro de enerxía eléctrica no concello de Ferrol está caducado, finalizou no ano 2020, para desenvolver esta iniciativa que supón unha alternativa ao actual modelo de contratación eléctrica que pasaría por mercar de maneira directa no mercado maiorista a enerxía por parte da administración local, igual que fan outras cidades no Estado»
Para o BNG «isto implicaría ventaxas como que se suprimen os custos derivados dos beneficios da comercializadora, que rondan sobre o 20%, que se xeraría emprego, pois habería que contratar ao persoal encargado de mercar esa enerxía en función dos consumos que precisarían as instalacións públicas do concello de Ferrol. Esta sería a outra ventaxa, dado que contariamos cunha cuantificación dos consumos que se producen no concello e sobre cos que poder actuar para reducir o seu consumo»
O BNG considera que «impulsar estas medidas é un proceso que non debemos deixar escapar e menos nun contexto actual no que carecemos de contrato, os prezos da enerxía están disparados e no que as administracións deben traballar para reducir os custos que despois repercuten nos veciños»