Impunidade medioambiental. Graves agresións no rio Baa

A Plataforma de defensa do río Baa, integrada polas sociedades: SGHN, ADEGA, VERDEGAIA,  Plataforma da defensa dos camiños e Plataforma de afectados polo polígono industrial de Vilar de Colo denuncian públicamente a impunidade na que se están a producir graves agresións medioambientais no río Baa e o seu entorno.

A poucos días da Xornada de limpeza simultánea de ríos resulta escandaloso comprobar como proliferan actuacións de verdadeiro vandalismo e a máis absoluta ilegalidade. Actos cualificados de delictivos na actual lexislación medioambiental non merecen atención algunha por parte de organismos e  administracións que teñen por mandato velar e protexer o patrimonio común.

Hoxe queremos dar a coñecer algunhas destas graves actuacións para achegar aos cidadáns e cidadás uns datos que os ilustren sobre o que está a acontecer no seu entorno e que, de non poñerlle remedio, hipotecarán o futuro das vindeiras xeracións.

O río Baa desecado. Un desvío do caudal do río nos altos de Laraxe provoca que o cauce natural permaneza completamente seco nun tramo de máis dun quilómetro, ata que outros aportes o van recuperando paseniño.

Alteración da capa freática. O deseño da autovía a Lavandeira rachou o perfil natural das brañas da cabeceira do río e provocou un desvío permanente dun importante caudal cara á bacía de Perlío.

Vertedoiros incontrolados. En zonas próximas ao río, algunhas de humidais, nos concellos de Cabanas e de Fene, entre Laraxe e Os Casais, existen máis de dez puntos de vertedoiros incontrolados que invaden a zona de policía e aumentan en dimensións e número semana a semana.

Tala da vexetación de ribeira. Hai uns meses procedeuse á tala total da vexetación de ribeira ao paso por Vilar de Colo, depositando a maior parte da fronza no cauce do río. Este  feito xa foi denunciado pero ata o momento non se produciu ningunha actuación para liberar o leito.

Depósito asfáltico. Centos de miles de toneladas de refugallos asfálticos contaminantes, procedentes de Holanda, seguen depositados nun terreo forestal de Cabanas invadindo a zona de policía do río e escoando as escorrentías cara ao humidal da beira do mesmo e finalmente á ría de Ferrol.

Nun tempo en que a sociedade vai tomando conciencia sobre diferentes formas de maltrato, cremos que chegou a hora de denunciar enerxicamente o maltrato medioambiental que, en definitiva, inclúe o maltrato ás persoas, aos animais e ás plantas. Cada vez que transiximos e non esiximos renunciamos aos nosos dereitos, perdemos calidade de vida e facémonos cómplices dos transgresores.

Os integrantes da plataforma denunciante vimos traballando dende hai tempo para evitar estes atropelos, conseguir a reversibilidade e a recuperación integral dun espazo de extraordinario valor patrimonial.

Lea también

Ortigueira presenta un variado programa de actividades para la Navidad

El Concello de Ortigueira ha diseñado una completa agenda de actividades navideñas que promete llenar …