Nova ruta do programa municipal de Narón «Os Camiños Escolares Seguros»

A alcaldesa de Narón , Marián Ferreiro, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, desprazáronse na mañá do mércores 29 de marzo  ao colexio de Domirón con motivo do inicio dunha nova ruta do programa municipal dos Camiños Escolares Seguros. “Coa posta en marcha das dúas rutas deste novo Camiño Escolar rematamos a implantación deste proxecto nos centros de ensino da zona urbana da cidade”, explicou Ferreiro, que avanzou que se continuará traballando nesta mesma liña na zona rural.

Ferreiro destacou “a excelente acollida que continúa tendo este programa, a través do que queremos fomentar que as nenas e nenos acudan aos centros camiñando, en bicicleta ou en patinete por rutas seguras, con puntos de encontro e itinerarios sinalizados con pictogramas, instalados xa en todos os centros deste programa”. A rexedora local valorou o feito de que no primeiro día de entrada en funcionamento do Camiño Escolar Seguro de Domirón, “aproximadamente o 85% do alumnado está xa inscrito”.

A alcaldesa e o edil de Seguridade Cidadá, xunto co equipo de Educación Viaria de Narón, formado por Pedro Caneiro e Sonia López, comprobaron  como os menores do centro de Domirón, de segundo ciclo de educación Infantil, rexistraban a súa primeira “Pegada” no check point instalado no interior do colexio. Un check point cun debuxo deseñado por unha alumna do colexio Ponte de Xuvia e que, como novidade, inclúe tamén un pictograma, ao igual que a cartelería exterior instalada no centro, deseñada específicamente para o Concello de Narón polo Porta Aragonés de la Comunicación Aumentativa y Alternativa (Arasaac).

Os Camiños Escolares Seguros están operativos dende as 8.30 horas, para rexistrar a entrada ao centro dos menores, que cada día que pasen a pulseira polo punto de control recibirán unha Pegada que acumulurán e poderán canxear por premios a finais do curso escolar. Ao iniciar o Camiño Escolar este mes, os participantes recibirán varias pegadas de agasallo para que ao remate do curso teñan opción a algúns dos premios. O canxe realízase a través dun cupón que se debe imprimir –ou amosalo a través do móbil- para valídalo nos establecementos locais adheridos a este programa ou na oficina de Educación Viaria do Concello (na planta de acceso ao Concello, de luns a venres en horario de 8.30 a 13.30). O procedemento completo deste programa, así como o catálogo de agasallos, poden consultarse a través da páxina: pegadas.naron.es e na APP Pegadas Narón.

No caso de ter algunha dúbida as familias interesadas neste programa poden contactar cos axentes do equipo de Educación Viaria de Narón, chamando aos teléfonos 666 438 222 ou 600 448 730 ou escribindo ao correo electrónico: seguridadevial@naron.es . Ferreiro incidiu en que “tanto as familias como os establecementos adheridos a este programa son unha peza fundamental para que teña tanto éxito, polo que dende o Concello queremos agradecer a súa colaboración”. Así mesmo, explicou que a día de hoxe o programa está implantado nun total de nove centros de ensino da cidade e conta cuns 1.600 participantes. “Fomentar a autonomía das nenas e nenos e familiarizalos coa normativa da educación viaria e con hábitos de vida saudables forman parte dos obxectivos deste programa”, subliñou.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …