Un total de 792 escolares de Narón participaron nos actos organizados polo Concello en centros de ensino da cidade con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres.
O venres 10 de marzo uns 400 escolares da cidade e de centros de ensino da comarca de Narón un total de 118 desprazáronse ao Pazo da Cultura para asistir á charla de divulgación científica “A nosa pegada dixital en internet: canto saben de nós e para que o usan”. A enxeñeira e doutora en Informática Susana Ladra foi a encargada de impartir esta charla, enmarcada nun ciclo que alcanza na cidade a súa sétima edición co fin de que entre os escolares se poidan espertar vocacións científicas.
Así o explicou a edil de Ensino, Mercedes Taibo, que acudiu á convocatoria e recordou que forma parte do programa de actos deseñado dende o Concello para celebrar o Día Internacional das Mulleres, que se conmemorou o pasado 8 de marzo. Na convocatoria participou alumnado do IES Terra de Trasancos, do CPI do Feal, dos IES Fene, Fernando Esquío (Neda), Concepción Arenal e Sofía Casanova (Ferrol), do CPI A Xunqueira (Fene) e do IES Cabo Ortegal (Ortigueira).
Os rapaces tiveron a oportunidade de interactuar coa poñente, que abordou un tema de moita actualidade, como o uso dos datos en internet. O traballo realizado nos centros de ensino chegou tamén a escolares de terceiro e cuarto de Primaria e primeiro da ESO da cidade, na que abordaron a “Historia do feminismo, fitos, logros e figuras relevantes”, traballando o concepto da igualdade e datos específicos centrados nas áreas de tecnoloxía, conciliación, saúde e violencia machista.
Alumnado dos colexios do Feal, Piñeiros, Ayala, Ponte de Xuvia, Jorge Juan, A Solaina, Virxe do Mar e dos IES As Telleiras e Terra de Trasancos participaron nesta actividade, que se desenvolveu nos meses de febreiro e marzo. En total, acudiron a actividade programada con motivo dos actos do Día Internacional das Mulleres 674 escolares da cidade.
A maiores, tamén a semana do 13 ó 19 continúa, e ata finais deste mes, a exposición “8M Mulleres de Narón” na Praza da Gándara. A mostra consta dunha serie de paneis informativos entre os que se atopan imaxes e contido relacionado con mulleres distinguidas como “Muller do Ano de Narón” e tamén de destacadas feministas.
A ludoteca municipal e os centros de ensino acolleron tamén diversas actividades esta semana enmarcadas no programa de actos do Día Internacional das Mulleres e que continuarán no Pazo da Cultura co “VIII Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular” ao longo deste mes de marzo e con conferencias sobre “Ciencia na rúa”, o día 18 ás 17.00 horas na Praza da Gándara e unha nova conferencia o vindeiro 25 de marzo do programa de «Prevención da depresión e mellora da saúde mental”.