Máis dun millar de escolares de Ferrolterra participaron en Narón na proba de campo a través, do Programa «Xogade»

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, animou na mañá deste martes aos escolares de centros educativos de Cabanas, Ares, Mugardos, Fene, Neda, Narón e Ferrol que tomaron parte nunha das probas de campo a través do calendario local do programa Xogade (Xogos Deportivos Galegos en Idade Escolar) para o curso 2022/2023 que promove a Secretaría Xeral para o Deporte.

Un total de 1.100 alumnos de colexios públicos e concertados -CPI As Mirandas, CPR Unión Mugardesa, CEIP Santiago Apóstol, CEIP O Ramo, CEIP Maciñeira, CPR Ayala, CPI O Feal, CEIP Piñeiros, CEIP Ponte de Xuvia, CEIP Pazos y CEIP Ponzos- tomaron parte na proba, a máis multitudinaria das que se celebran nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, que se levou a cabo nas inmediacións do estadio municipal de Río Seco, en Narón.

A competición, que dá acceso ao campionato provincial da disciplina que se celebrará na comarca nos próximos meses, desenvolveuse nas categorías benxamín, alevín e infantil, desde 2º a 6º de Primaria.

A delegada territorial, que tamén estivo acompañada polo coordinador do programa, José Amando Pena, destacou a importancia da práctica deportiva nas categorías de base “de cara a afianzar hábitos de vida saudable e afastar os problemas de saúde relacionados co sedentarismo e a inactividade física nas idades máis adultas”, sinalou.

Oferta deportiva e lúdica

O programa Xogade agrupa toda a oferta deportiva e lúdica promovida pola Administración galega (escolar e federada) co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos e brindarlle á rapazada a posibilidade de practicar e competir cos clubs e centros educativos de toda a comunidade galega. Na zona xestiona preto de 7.000 licencias entre todas as disciplinas deportivas.

A de campo a través é unha das 15 modalidades convocadas dentro da actividade deportiva escolar de Xogade este curso xunto ás de atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, dúatlon, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo.

Na tempada 2022/2023 adheríronse 37 federacións ao programa Xogade que inclúe este ano ademais outras actividades como: Coñece o meu club, para facilitar aos centros educativos que se poñan en contacto coas entidades da súa contorna; Proxecto de vida activa e deportiva (PVAD), encamiñado a aumentar a actividade física saudable dos escolares; Xogando coa auga e co vento, que dá cabida a proxectos cos que achegar os escolares galegos á natureza a través de deportes acuáticos; Xogos tradicionais e populares, cara á contribución ao seu arraigo na poboación escolar; así como actividades de promoción de escalada e piragüismo-dragóns entre outras modalidades que se poderán incorporar ao longo da tempada como breaking, deportes alternativos e tradicionais, parkour, remoergómetro…

Lea también

Axenda en Narón o 27 e o 28 de abril

Sábado 27 de abril de 2024 Actividade: Danza tradicional “Ceibe” Hora: 20:00 Lugar: Pazo da …