A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, presentou acompañada pola concelleira de Turismo Natalia Hermida, os actos conmemorativos do Día de Narón, que se celebra cada 23 de novembro na cidade.
A programación deseñada para a xornada comezará ás 11.00 horas coa Andaina “Barrios no Camiño” que se desenvolverá cun itinerario entre Pedroso e O Couto, con inscrición previa no teléfono 633230054 para as persoas interesadas en participar.
A praza 23 de novembro, na Solaina, acollerá gran parte dos actos programados nesa xornada, concretamente cunha sesión de teatro infantil a cargo de Inventi Teatro que leva por título “A gran viaxe” que se poderá ver de 12.00 a 13.00 horas.
Un apartado gastronómico terá lugar coa Filloeira de Lestedo que estará instalada na praza en horario de mañá entre as 13.00 e as 15.00 horas e tamén estará en horario de tarde entre as 17.15 e as 20.00 horas. Ás 13.30 horas terá lugar a actuación do Grupo de Gaitas do Padroado de Cultura. Coa actuación musical infantil do grupo Migallas Cantaxoga reanudaranse os actos na praza 23 de novembro ás 17.00 horas e rematarán coa actuación musical do grupo Gin Tonic entre as 18.15 e as 20.00 horas.
Ferreiro convidou ós veciños a participar nestes actos programados para o Día de Narón “para xuntarnos novamente e celebrar a festividade da nosa cidade, con propostas abertas a toda a cidadanía”.