A partir deste martes 15 de novembro permanecerá aberto no Concello de Narón, ata o martes 29 de novembro, ambas datas incluidas, o prazo para solicitar as axudas convocadas para a adquisición de agasallos de Nadal destinadas ás familias máis vulnerables da cidade, contribuindo así ao fomento da igualdade dos nenos pertencentes a familias que nestes momentos teñan unha precaria situación económica.
Poderán solicitar as axudas todas as familias empadroadas en Narón con fillos menores que a 31 de decembro teñan unha idade comprendida entre 0 e 16 anos. As solicitudes en modelo oficial facilitado polo Concello, poderanse presentar xunto coa documentación correspondente no Rexistro xeral do Concello, na Sede electrónica do Concello de Narón ou en calquera outro medio previsto no art. 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo das Administracións Públicas.
As bases reguladoras do procedemento poden consultarse ó completo no Boletín Oficial da Provincia número 212 do pasado 9 de novembro, a través do enlace: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/11/09/2022_0000006570.pdf