Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no Concello de Ferrol, presentou este venres ás alegacións presentadas ao Proxecto de Equidistribución do Sanchez Aguilera, «co obxectivo de desestimar este documento porque consideramos que o Plan Especial do Sanchez Aguilera é un dos elementos fundamentais para o desenvolvemento futuro desta cidade desde un punto de vista urbanístico e que debería transformarse nunha grande zona verde.«
Salientou que a principal idea que sustenta as alegacións presentadas polo BNG «é que a cidade de Ferrol é unha cidade que carece das necesarias e as suficientes zonas verdes para un desenvolvemento urbano sustentábel.»
O BNG sinala que o actual proxecto de Plan Especial para o Sánchez Aguilera está baseado nos criterios urbanísticos do desarrollismo dos anos 2000, «a famosa burbulla inmobiliaria». Así contempla a creación de 460 vivendas e un centro comercial de 24.000 m2 construídos, que tiña un período de execución de catro anos. «Isto quere dicir que ese plan non se executou no tempo en que estaba previsto desenvolverse polo cal non existe ningún compromiso nin obrigación de que haxa que desenvolvelo«. É por isto que desde o Concello de Ferrol «temos a capacidade para redefinir ese espazo fundamental da nosa cidade, o que nos permitiría recalificar o solo que do cuartel Sánchez Aguilera e converrtir ese espazo de 96.000 m2 nunha zona verde e zona libre que conecte o barrio da Madalena, o barrio de Canido e Catabois e que desvinculemos o convenio con Defensa do plan especial de desenvolvemento do Sánchez Aguilera, esa é a idea principal que sustenta a proposta que fai no BNG nestas alegacións.«
Iván Rivas resaltou que o proxecto de equidistribución «pon en evidencia o caos, a incoherencia e a falla de rigor de todo este proceso, que dura máis de 12 anos«. Indicou que a día de hoxe «temos tres valoracións do aproveitamento lucrativo que o Ministerio de Defensa sacaría do desenvolvemento urbabístico do Sanchez Aguilera. A valoración feita polo INVIED que é duns 16 millóns de euros, a valoración da empresa ENTYL, un estudo encargado polo anterior goberno local, que a sitúa en 12,5 millóns de euros e a valoración que fai o actual proxecto de esquidistribución que fala de 25 millóns.«
O BNG «non considera moi lóxico» que para valorar o 10% de cesión do solo que lle corresponde á administración local, e que lle debe entregar o Ministerio de Defensa sen cargas de urbanización, «recorramos á valoración actual, pero para compensar as propiedades que entrega o Ministerio de Defensa ao Concello se recorra á valoración que fai o propio Ministerio de Defensa a través do INVIED no ano 2015«. Unha valoración, «por certo, que non se adapta á lexislación, que non sabemos cales son os criterios empregados e que se salta o regulamento de valoracións, que é unha obriga legal para facer valoracións de tipo urbanístico, ademais de saltarse o texto refundido da lei de solo estatal que establece as obrigas para valorar este tipo de solo.«
Para o BNG a cuestión «xa non radica en valorar as circunstancias que nos fixeron chegar até aquí senón evidenciar que hai unha absoluta falla de rigor e coherencia co único obxectivo de xustificar a entrega dun pelotazo urbanístico ao Ministerio de Defensa e o pago de máis de 500 000 euros, dos cales xa foi satisfeita unha parte sen que os veciños e veciñas desta cidade recibisen nada a cambio«. Cómpre lembrar que a todo isto «hai que engadirlle unha modificación puntual do cuartel de Mariñeiría que aumentou a súa edificabilidade e que o Ministerio de Defensa non paga os tributos que lle corresponden por todas estas propiedades aínda tendo a obriga legal de facelo.«
O BNG cre que este modo de actuar «evidencia que estamos diante de gobernos locais que no canto de adaptarse a lei actual e ver cales son os problemas da cidade o único que están a facer é asumir son as inercias desenvolvidas ou iniciadas no pasado de maneira acrítica, sen cuestionar aquelo que se fixo mal e sen propoñer solucións alternativas para unha realidade absolutamente diferente.«
Compre lembrar que o Plan Especial do Sánchez Aguilera «está elaborado sobre a base do Plan Xeral desta cidade«. Un plan xeral que previa para Ferrol no ano 2011 «unha poboación estimada de 85.748 habitantes, este plan especial se aproba no 2010 baixo eses criterios estabelecendo a construción de 460 novas vivendas«. Indicar que a día de hoxe Ferrol «ronda os 63.000 habitantes, polo tanto as necesidade da cidade non son construir novas vivendas e un grande contentor comercial senón dotar de espazos verdes a un concello que carece deles.»