Este venres, día 21 de outubro, celebrarase, ás 19 h, no salón de plenos do Concello de Mugardos, a presentación de «Os dez animais», de Antón Cortizas, ilustrado por Lidia Nokonoko, organizada pola Asociación Cultural Apelón Educación. Acompañando o autor, estará Patricia Rivera (Asociación Cultural Apelón Educación).
Para as lectoras máis miúdas o autor Antón Cortizas presenta «Os dez animais», ilustrado coa delicadeza de Lidia Nokonoko. Esta proposta é estupenda para as idades nas que comezan a contar. Unha historia creativa e didáctica para a nosa cativada.
Antón Cortizas Amado (Ferrol, 1954) é profesor. En 1986 gañou o premio Curuxa de Humor co relato “A medio muller”. Desde aquela, a súa dedicación á literatura infantil e xuvenil deparoulle moitos recoñecementos, como o premio Barco de Vapor por «Memorias dun río» (1988), «O conto dos sete medos» (1991) e «Os gritos das illas Lobeiras» (Premio Barco de Vapor 1995), o premio Xeración Nós de textos teatrais por «O coleccionista de sombras» (1990) e «O incrible invento de Solfis a pianista» (1994), así como «Xogando con gatos» (Premio Manuel María de literatura dramática infantil, 2014, e Premio da I gala do libro galego, 2016, modalidade teatro).
Outros títulos publicados por Cortizas son «Xiganano, ¿onde estás?» (1990), «O lapis de Rosalía» (1992), «A bruxa sen curuxa» (1993), «O merlo de ferro» (1995), «A merla de trapo» (Premio Merlín 2001) e ¡Cázame ese pensamento! (2001). En Editorial Galaxia publicou Contos de vento e de nunca acabar (1999), «Historias e algún percance todos ditos en romance» (2004) (accésit do Premio Lazarillo), «Abrapalabra!» (2010), «Tenrura» (2017) e «Non trabes na lingua» (2019).