A concelleira de Bibliotecas do Concello de Narón, Mercedes Taibo, anunciou a apertura do prazo de inscrición, o 4 de outubro ás 16.00 horas, no obradoiro de narración oral “Aprende a ler en voz alta, aprende a contar”, dirixido a persoas adultas, a partir de 16 anos.
Taibo avanzou que se trata dunha proposta a través da que adestrar a habilidade de cada persoa para narrar historias, aprendendo a darlle vida ós otextos, contos, novelas… e outro tipo de publicacións.
A proposta desenvolverase o 7 de outubro ás 18.00 horas na biblioteca. A edil naronesa asegurou que para participar nesta iniciativa non se require dunha formación previa específica e destacou o feito de que a medida que se vai practicando vaise collendo experiencia.
Poden anotarse no obradoiro as persoas maiores de 16 anos co carné da rede de Bibliotecas, de xeito presencial na biblioteca municipal ou chamando ó número de teléfono 981 382 173 no horario de apertura. Taibo informou que a actividade está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e enmarcada no programa “Ler conta moito”.