Prazo de inscrición en Narón en actividades extraescolares varias

O Concello de Narón abrirá dende este xoves día 1 ata o 23 de setembro, o prazo de inscrición en varias actividades extraescolares: de iniciación á lingua inglesa, de reforzo educativo “Novos valores” e dos coros da Capo e “Peque Solidarium”.

A edil de Ensino, Mercedes Taibo, e a de Benestar Social, Catalina García, destacaron a ampla oferta de propostas que se programaron un ano máis para o alumnado e as súas familias, ós que anima a anotarse naquelas iniciativas que máis lles interesen do Programa Municipal de Educación Extraescolar (Promedex), que se impartirá dende o vindeiro mes de outubro.

Á hora de participar terá preferencia o alumnado de centros públicos da cidade. Os obradoiros de iniciación á lingua inglesa diríxense a alumnado de Infantil e Primaria e abordaranse nos mesmos contidos adaptados ás idades dos escolares, que se dividirán en cinco grupos, dende cuarto de Infantil a sexto de Primaria e cunha duración máxima de dúas horas á semana.

Taibo indicou que se ofertan un total de 50 prazas, dez por grupo, e que terán lugar na Casa da Mocidade, na Gándara, ata maio de 2023.

As solicitudes poden presentarse na Sede Electrónica do Concello, no Rexistro municipal ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, utilizando o formulario dispoñible na Sede Electrónica de Narón.

A actividade ten unha taxa de 8,15 euros ó mes, a estipulada na ordenanza número 15, reguladora dos servizos prestados polo Servizo Sociocomunitario. En canto ós obradoiros de reforzo educativo “Novos Valores”, García explicou que se dirixen a menores de familias vulnerables, que no caso de estar interesados en asistir serán derivados dende o Servizo Sociocomunitario Municipal.

Os destinatarios son alumnos de centros educativos de Narón, que cursen ESO ou FPBI e ofértanse un total de 16 prazas (un máximo de oito por grupo). A Casa da Mocidade será o lugar no que se impartirán, de outubro a decembro deste ano, os venres de 16.00 a 18.00 e de 18.00 a 20.00 horas, en función do grupo elixido. As solicitudes poden presentarse no Rexistro municipal ata esgotar as prazas dispoñibles.

Reforzo dos contidos académicos, interiorización das normas, ocio e hábitos saudables e educación para a igualdade, afectivo-sexual e na diversidade son os contidos que se abordarán nesta actividade, que é de balde. Así mesmo, abrirase mañá o prazo para insciribirse no coro “Peque Solidarium”, con 25 prazas para alumnado de 6 a 12 anos e 20 para o de 13 a 15 e no Coro da Capo, cun total de 30 prazas para xuventude de entre 16 e 35 anos, en ambos casos con preferencia para persoas empadroadas en Narón.

O Auditorio municipal será o lugar no que se desenvolverán cada sábado, entre outubro e xuño, as clases, programadas de 13.00 a 14.00 para o Coro da Capo e de 11.00 a 13.00h, en franxas dunha hora para o Peque Solidarium.

Cristina Teijeiro, Graciela Galdo e Olga López serán as encargadas de impartir un ano máis estas sesións, cunha taxa por ordenanza de 8,15 eurosó mes.

Para obter máis información sobre estas propostas municipais pódese consultar a web: buscoactividade.naron.es, contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello ou chamar ó número de teléfono 981 337 700 (extensións 1111, 1108 e 1109).

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …