A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, anunciou que o vindeiro 29 deste mes se porán á venda ó público xeral as entradas para os novos espectáculos que se sucederán no último cuadrimestre deste ano no Pazo da Cultura.
A programación, indicou, retomarase o 25 de setembro ás 18.00 horas no Café Teatro do Pazo, cunha peza de danza dirixida a público familiar e infantil, “Catro”, de Caramuxo Teatro. A segunda das compañías en actuar no Pazo en setembro será Contraproducións SL, que o venres 30 e o sábado 1 de outubro, 20.30 e 20.00 horas respectivamente, representará a a obra “Cigarreiras” cun texto de Emilia Pardo Bazán (“La Tribuna”) adaptado e dirixido por Cándido Pazó
O público infantil será tamén o destinatario doutra das primeiras propostas do mes de outubro, o día 2, 18.00 horas no Café Teatro, con “Golulá”, de Galitoon, un espectáculo con monicreques de gran formato.
A vindeira fin de semana haberá tres novas propostas: o día 7, 20.30 horas, terá lugar a primeira, “El alma de Valle Inclán”, protagonizada por Rafael Álvarez “El Brujo”; o 8, 20.00, será o concerto de Sondeseu “XX Aniversario da Orquestra folk Sondeseu en acústico” a cargo dunha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea, e o día 9, 17.30 horas, poderase ver o musical tributo “El Rey León, de Simba a Kiara”, de Onbeat, cunha espectacular posta en escena e coreografías moi atractivas.
O teatro regresará o 15 de outubro, 20.00 horas, con Pentación SA, que traerá a Narón “Una noche con ella”, protagonizada pola actriz española Loles León, que realizará unha viaxe pola súa vida.
O domingo 16, 18.00 horas, terá lugar unha nova proposta para público infantil, “Ninja”, de Ghazafelhos, obra coa que Montse Piñón, Jorge Casas e Pepablo Patinho abordan o tema do acoso nas escolas a través dunha historia cargada de reflexións.
A programación no Pazo continuará o 22 de outubro, 20.00 horas, coa comedia “Os amos do mundo”, protagonizada por Pedro Picos e Xosé Bonome e a cargo da compañía Bucanero Teatro. As dúas últimas propostas de outubro serán os días 29, 20.00 horas, e 30, 18.00, co monólogo “Oceanía”, de Carlos Hipólito e o espectáculo musical “Al calor del cancionero”, de Teatro de Malta, para poñer en valor o cancioneiro.
En novembro o día 5 , 20.00 horas, poderase ver no Pazo o sainete cómico-lírico “Villa y Marte”, de Ron La La Teatro, unha reinvención do “xénero chico” con humor, música en directo, teatro e chotis.
O día 11 estará no Pazo, 20.30 horas, o artista “El Sevilla”, co monólogo “El Sevilla: La vida es rocanrol”, de Tertulia Producción e esa mesma fin de semana o sábado 12 poderase ver a obra de teatro “O porco de pé” 20.00, de Producións Teatrais Excéntricas e o domingo 13, 18.00, haberá teatro de monicreques con Títeres Cachirulo, que traerá a Narón “Lao Lao e o dragón de xeo”.
Así mesmo, o 19 ás 20.00 horas poderase asistir ó concerto de Martins Aneiros Band e a programación de novembro rematará o día 27, 18.00 horas, cunha peza para público infantil, de Teloncillo Teatro, “Coser y cantar”.
Finalmente, no mes de decembro programouse o tradicional concerto de música góspel, nesta ocasión “The Harlem Gospel Choir”, da compañía The Project, o día 15, 20.30 horas, e tamén o espectáculo de circo “Galtük, un sueño de Navidad”, de La Fiesta Escénica.
Este show poderá verse os días 16, 19.00, o 17, 17.00 e 19.00, e o 18, 12.30 e 18.00 horas. A maiores, o 28 de decembro, 17.00, terá lugar o musical “La gran aventura de los Reyes Magos”, de Vol Music Events SL e o venres 30, 20.30 horas, pechará a programación do ano o concerto de Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre “As catedrais silenciadas”.
Ferreiro animou á cidadanía a desfrutar do completo programa de espectáculos deseñados para os últimos meses do ano no Pazo, “con propostas moi interesantes para persoas de todas as idades e destacou a presenza de compañías galegas, que están realizando tamén un excelente traballo no eido cultural”.