A alcaldesa acudiu á presentación oficial do Club Ciclista Narón

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, acudiron na mañá deste domingo nas inmediacións da Praza de Galicia á presentación oficial do Club Ciclista Narón. Acompañados polo presidente do novo club local, Samuel Bustabad, e da maioría dos integrantes do mesmo, Ferreiro e Oreona felicitaron ao novo club, destacando a gran afición ao ciclismo na cidade e o feito de que apostasen por Narón para constituíse, ao ter a súa sede en Santa Icía, nas instalacións do antigo centro de saúde.

A rexedora local e o edil de Deportes tiveron a oportunidade de coñecer aos membros da directiva do club. Así mesmo, Ferreiro ofreceu a colaboración do Concello “na medida do posible para levar a cabo eventos relacionados con este deporte na cidade”. A alcaldesa incidiu en que “é unha satisfacción contar
cun novo club ciclista en Narón, integrado por un grupo de mulleres e homes que contribúen a enriquecer o tecido deportivo desta cidade e a potenciar o
ciclismo, promocionando ao mesmo tempo as rutas existentes no termo municipal acondicionadas para percorrer en bicicleta e tamén novos espazos que habilitaremos a tal fin nos vindeiros meses, como a senda peonil e ciclista que enlazara os paseos de Freixeiro e Xuvia”.

Tras reunirse cos representantes do goberno local as persoas que forman parte do Club Ciclista Narón realizaron unha ruta polo termo municipal, que partiu do Concello e que rematou no local social da Picota, na parroquia do Couto.

As persoas interesadas en contactar co novo club ciclista poden facelo na súa sede, escribindo un correo electrónico á dirección: clubciclistanaron@gmail.com ou chamando por teléfono ao número 695 127 372.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …