O BNG acusa ao goberno de Ferrol de deixar caducar a revisión do PXOM

María do Mar López e Iván Rivas en rolda de prensa | Adán Puentes

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol, acusou este xoves ao goberno local de «non ter interese ningún» na tramitación dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal «deixando caducar os trámites desenvolvidos até o momento o que obrigará a ter que iniciar de novo toda a tramitación e condenará a nosa cidade a seguir rexéndose por unhas normas obsoletas aprobadas hai máis de vinte anos«.

Iván Rivas, portavoz nacionalista, considera que ter deixado caducar o expediente de modificación do PXOM «por mantelo gardado nun caixón desde a súa chegada ao goberno demostra a deixadez absoluta deste goberno respecto do futuro da cidade«.

A «realidade» é que a «desidia mostrada polos tres últimos gobernos respecto da necesidade de adaptar as normas urbanísticas á realidade supón un importante lastre para o desenvolvemento e recuperación urbana da cidade«.

O BNG lembra que o actual PXOM foi aprobado no ano 2002 e que desde aquela xa foron aprobadas a maiores dúas Leis do Solo de Galicia, nos anos 2002 e 2006. «O PP de Rey Varela contratou por máis de 700.000 € a redacción da revisión e adaptación do Plan Xeral polo que tivemos que agardar até o ano 2016 para contar cun borrador inicial e diante do cal o goberno anterior tampouco amosou maior interese«, afirmaba.

Tras a emisión do documento de alcance por parte da Xunta en 2016 e que debera servir de base para tramitar a aprobación inicial do novo PXOM, «nun acto de total irresponsabilidade o actual alcalde ten deixado caducar ese documento de alcance, que ten unha vixencia de tres anos desde a súa remisión ao Concello, sen mover un dedo e que implica ter que iniciar de novo todo o procedemento.«

Iván Rivas, lembra que o BNG foi a «única organización política da corporación municipal que no ano 2016 presentou aportacións ao trámite de exposición pública para elaborar o documento da avaliación ambiental estratéxica ordinaria do novo PXOM de Ferrol, sen que se nos deran contestación ás mesmas.«

O BNG esixiu por estes motivos ao goberno local que «proceda a dotar a cidade dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal que posibilite a dotar a cidade dunhas normas urbanísticas renovadas e acordes coas necesidades urbanísticas actuais que precisa Ferrol sobre a base da recuperación de espazos públicos, abrir Ferrol ao mar e a rehabilitación e recuperación do patrimonio construído«.

Lea también

La Xunta licitará las obras de construcción de 24 viviendas de promoción pública en Ferrol

El Consello de la Xunta ha autorizado la licitación de las obras de construcción de …