Ferrol-Actividades de Normalización Lingüística

A concelleira de Normalización Lingüística, Cristina Prados, deu conta o luns, día 8 de novembro, na comisión ordinaria de área das actividades que se van desenvolver ata final de ano. A primeira, dentro do programa Apego, o concerto infantil ‘Rockeando con Ramona Órbita’, de Pakolas, dirixido ó público familiar, terá lugar este xoves, día 11 de novembro.

Trátase dun concerto “cheo de humor no que coñeceremos as aventuras de Ramona Órbita e a súa máquina do tempo a ritmo roqueiro”, explicou Prados. A entrada será libre ata encher a capacidade do espazo.

Este sábado, día 13 de novembro, a praza de Amboage terá lugar Vive a lingua, para público infantil, de 8 a 12 anos (de 16 a 17.30h) e mocidade de 13 a 17 anos (de 18.30 a 20 horas). A primeira será ‘A casa do mago’ e a segunda ‘O misterio das pantasmas’. É necesaria a inscrición previa no correo https://aventeira.com/vive-a-lingua/. Este domingo, día 14 de novembro, ás 19.30 horas, o teatro Jofre acollerá ‘Libre como os páxaros’, para o público a partir de 14 anos. Trátase dun espectáculo teatral sobre a figura e obra de Rosalía de Castro. A entrada é gratuíta e libre ata completar aforo.

Presentación dun poemario inédito de Xohana Torres

A concelleira tamén anunciou para o día 24 de novembro, ás 19 horas, no Torrente Ballester, a celebración dun acto para a presentación dun poemario inédito de Xohana Torres.

No marco do programa Apego haberá outras dous actividades no Torrente Ballester. O día 25 novembro terá lugar o contacontos ‘Como axudo a Antón?’, de Os Biosbardos, para familias con menores de 3 a 10 anos. Trátase da historia dun neno que “aínda que non o está a pasar moi ben na escola, poderá recibir a nosa axuda a través das nosas reflexións”. O acceso tamén será libre.

Por último, o día 9 de decembro, Mamá Cabra desenvolverá un obradoiro de arrolos para familias con menores de 0 a 3 anos, que aprenderán unha morea de nanas para adormecer, aleitar e gozar da música nos primeiros meses de vida. Para esta actividade é necesaria a inscrición previa, aberta ata o mesmo 9 de decembro, a través do correo electrónico gnl@ferrol.es. Cada menor irá acompañado dun máximo de dous adultos.

Lea también

El martes inauguración del «Rastrillo» de la A. Nuestra Señora del Carmen

La asociación “Nuestra Señora del Carmen” de Ferrol celebrará desde el martes 26 de noviembre, …