Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no Concello de Ferrol, presentou esta mañá acompañado da ANPA do centro de educación especial Terra de Ferrol unha moción na que instan á Xunta de Galiza a realizar a modificación regulamentaria para permitir a continuidade do alumnado con discapacidade nos CEE, que supere os 21 anos co fin de completar a súa formación académica.
Iván Rivas, explicou que o BNG recolle a demanda dos pais e nais de mozos e mozas con discapacidade que nesta cidade afecta ao alunado do C.E.E Terra de Ferrol contra a actual lexislación galega que recolle que os mozos e mozas con discapacidade só poden permanecer nos centros de educación especial até os 21 anos.
Excepcionalmente a Consellaría de Educación acordou en 2020 que no actual curso 2020-2021, un ano educativo marcado pola pandemia, se mantería a escolarización dos nenos e nenas de 21 anos ou máis que non acadasen a avaliación positiva nos programas formativos de FP básica e de preparación para a vida adulta. Este ano ao igual que o pasado estivo marcado pola incidencia da covid polo que as ANPAS destes centros piden que namentras non se modifica o actual Decreto se permita o mantemento da escolarización para o curso 2021-2022 das mozas e mozos con 21 anos ou máis que non acadaran a avaliación positiva nos programas formativos de F.P. Básica e de preparación para a vida adulta.
Rivas sinala que a crise da covid «evidenciou que hai que adoptar medidas de urxencia xa que como se comprobou se xeraron problemas que impediron non só o avance desta mocidade senón que provocaron un retroceso na súas capacidades e necesidades de desenvolvemento colectiva e persoal e polo tanto non podemos ser indiferentes ao que esta a acontecer«.
Rivas indicou que todo isto «puxo de relevo que a precarización do sistema asistencial por parte de política social cada vez é maior e que a Xunta leva anos facendo deixadez de funcións. Hai que darlle unha solución a esta situación e esta pasa pola necesidade de reforzar os servizos asistenciais de política social, dotalos de persoal, desenvolver investimentos e por que estes servizos teñan un carácter público.«
A membro da ANPA do C.E.E. Terra de Ferrol, María Carmen Rego, indicou que estes mozos e mozas cando cumpren 21 anos vense abocados como única saida acudir a un centro de asistencia de promocion a discapacidade, que non existen en todas as cidades e o que hai en Ferrol, o Souto de Leixa, un centro publico con xestión privada, «ao noso entender non reúne todas as condicións que debe reunir. Son centros asistenciais que non son centros educativos, co cal cando rematan a súa educación remata tamén a posibilidade de que se sigan formando«.
Xavier Rodríguez, membro tamen desta ANPA, agradeceu a receptividade do BNG por acoller esta iniciativa que ten un carácter galego, xa que a plataforma é de todos os centros de educación especial de Galicia, e censurou «a nula receptividade» da Xunta e mesmo «a oposición» as súas demandas e incluso que levan desde o mes de marzo agradando por unha reunión co Conselleiro de Educación.