O BNG critica o «Pacto de Estado por Ferrol»

Fot. BNG

“O goberno da Xunta fai un xiro de 360 grados, e insiste en reiterar todas as dinámicas que nos trouxeron onde estamos”. Deste xeito definía, na mañá deste luns na praza de Armas, o deputado do BNG “Mon” Fernández o contido do denominado “Pacto de Estado por Ferrol” que a Xunta presentou a pasada semana.

Acompañado do portavoz municipal, Iván Rivas, da responsábel comarcal do BNG, Mercedes Tobío e da deputada provincial, M. Carme Muiño; engadía que “a Xunta pretende pasar por alto a contradicción de que o documento recolla explicitamente o fracaso dos sucesivos plans comarcais para recuperación e corrección do devalo económico e demográfico das comarcas, que comeza coas políticas de reducción de capacidades do sector naval, co feito de que a «proposta» supón consagrar o actual modelo reducido e con restricións deste sector” ao referirse ao posicionamento ao respecto do sector naval; lembrando que a Xunta segue sen executar o acordo parlamentar de reclamar a presenza no Consello de Administración de Navantia.

Ao respecto do tema enerxético, “Mon” Fernández afirmou que “o pacto é copia, máis ou menos aproximada, do modelo do acordo entre administracións para os convenios de transición enerxética, que integra a outras entidades para diagnose e concreción de proxectos. Ademáis de carecer de calquer tipo de concreción, implica aceptar un punto de partida para o acordo moi sesgado, e nomeadamente, asumir o marco e o discurso respeito das «oportunidades» dos fondos europeus e dos plans de axudas”, concluindo que “en definitiva, a Xunta asume un modelo colonial de explotación dos nosos recursos enerxéticos, e renuncia a unha empresa pública que os controle ou á vinculación dos parques eólicos con proxectos industriais”

Nada concreto sobre os grandes temas

Do mesmo xeito, o deputado do BNG fixo fincapé en que “nada se concreta sobre os grandes temas –competencia do goberno galego- como un mando único na ría para abordar a súa rexeneración, o cambio da política forestal ou un plan transversal de posta en valor dos recursos patrimoniais, históricos, naturais e paisaxísticos; no que hai que suliñar a ausencia de referencias ao necesario impulso do Parque das Fragas do Eume”.

Para rematar, “Mon” Fernández reiterou que “o verdadeiro Pacto por Ferrol, polas nosas comarcas, é o que implique solucións concretas ao respecto dos sectores que constitúen o potencial industrial e económico dunha área que está en situación de emerxencia. A Xunta ten que pasar do escenario dos documentos e da propaganda ás decisións políticas»

Lea también

Rescatada una persona en Ferrol tras caer con su coche en un regato

Una persona tuvo que ser rescatada en la tarde de este pasado jueves en Ferrol …