O voceiro municipal, Julián Reina, presentou esta mañá aos medios no pazo municipal o libro ‘Cosal. Comité de Solidariedade con América Latina. Unha experiencia solidaria en Ferrolterra. 1979-1995’ xunto a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, o de Fene, Juventino Trigo, e os autores da obra: Antón Blanco Carballo, Xaquín Ros Rodal e Anxo Ferreiro Currás.
O tamén concelleiro de Urbanismo agradeceu a labor desenvolvida polos protagonistas por “recuperar a historia” e destacou a relevancia de lembrar o traballo «que se fixo e o que se pode facer no futuro”. Reina apuntou que “é vital retomar a conciencia solidaria e colectiva” e que a xente nova se achegue á realidade recollida no libro, que se presentará ao público o día 16 de abril, ás 19.30 horas, no centro cultural Torrente Ballester de Ferrol, o día 22, á mesma hora, no Pazo da Cultura de Narón e o día 29, ás 20 horas, na Casa da Cultura de Fene. Pola súa banda, Ferreiro agradeceu aos escritores o labor desenvolvido “en aquela época e agora, coa redacción do libro” mentres que Trigo destacou a necesidade de “non perder a perspectiva solidaria nun mundo no que cada día máis medran as desigualdades”.
Ros Rodal, en nome dos tres autores, agradeceu a colaboración dos tres concellos na difusión dun libro que recolle “non só a experiencia do Comité de Solidariedade con América Latina seno tamén acontecementos como o xurdimento da movida musical e o nacemento de novos movementos sociais”. O fin foi “rescatar a memoria colectiva dunha experiencia histórica na que se implicou moita xente” e agradeceu que os concellos de Ferrol, Narón e Fene valoraran que “merecía a pena recoller todo aquelo nun documento”. O libro distribuirase non só na comarca, tamén entre varias universidades tanto españolas como latinoamericanas.