Narón-Presentado o orzamento 2021.»Mantemos un ano máis os impostos conxelados»(M.Ferreiro)

A alcaldesa, Marián Ferreiro, anunciou este venres que o orzamento do Concello para o vindeiro ano ascenderá a 34.070.458,18 euros. A rexedora local presentou o documento contable, “o máis importante para o noso concello”, acompañada polo edil de Facenda, Román Romero, e o portavoz do PSOE, David Pita, trala celebración da Comisión de Facenda, previa á convocatoria do pleno extraordinario no que se someterán a aprobación.

“Os orzamentos de 2021 son uns orzamentos realistas, sociais, adaptados á situación derivada da pandemia pola Covid-19 e priorizando a atención ás persoas, o que se reflicte no incremento de investimento en benestar, servizos sociais e na área de maiores e dependentes”, asegurou Ferreiro. En canto o importe do orzamento subliñou que “mantendo a tendencia dos últimos exercicios, podemos dicir que estes son os orzamentos máis elevados da historia de Narón o que é todo un orgullo”.

A alcaldesa incidiu en que “mantemos un ano máis os impostos conxelados, incluso algún deles o baixamos, para non elevar a presión fiscal á veciñanza e incrementamos dentro do posible os baremos de bonificacións das taxas para axudar ás familias máis vulnerables”. Así mesmo, recalcou que “unha parte importante do orzamento reservouse para a área de Dependencia”

Ferreiro destacou a xestión que se realiza dende o goberno local que permite, asegurou, “construír ano tras ano un modelo municipal economicamente avanzado e realizar investimentos sen recurrir á débeda bancaria, mantendo ao Concello sen endebedamento coas entidades bancarias para afrontar deste xeito o exercicio económico de 2021 con maior estabilidade e, ao tempo, con responsabilidade para poder atender as necesidades que se poidan detectar na cidade en calquera momento”.

O edil de Facenda, Román Romero, desglosou os diferentes capítulos do documento e explicou que ao apartado de investimentos resérvanse 3,2 millóns de euros, unha partida con cargo á que se acometerán obras como a recuperación de chan urbano para usos públicos amables co medio ambiente (792.366 euros); a rehabilitación do muíño de Xuvia (555.422 euros); a musealización do muíño de Xuvia (239.041 euros); a renovación de alumeado público (254.468 euros); reparacións asfálticas en varios camiños do termo municipal (230.534 euros); o acondicionamento de instalacións para fomento e apoio de actividades deportivas na Gándara (118.657 euros). Así mesmo, indicou, tamén se recollen partidas orzamentarias para melloras nas instalacións do SPEIS (95.000 euros); obras de saneamento no camiño da Fonte (77.846 euros), reposición de alumeados (50.000 euros); sinalización de camiños na zona rural (50.000 euros); preparación do terreo para construír unha xaula de lanzamento en Río Seco (50.000 euros), entre outras actuacións.

Pola súa parte, o portavoz do PSOE, David Pita, asegurou que o orzamento “é un 1,9% superior ao do ano anterior e que como indicou a alcaldesa está baseado en ofrecer servizos á veciñanza”. Pita destacou o capítulo de investimentos, aludindo ás obras que permitirán mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños, «porque estes orzamentos non deixan a ninguén fóra despois de consensualos entre o equipo de goberno”.

Con cargo a unha suba no investimento con fondos propios e tamén coas partidas de administracións supramunicipais e da Unión Europea levaremos a cabo importantes investimentos na cidade, tanto na zona urbana como na rural”, subliñou Ferreiro.

Lea también

«Descubre Ferrol, vive la Semana Santa 2025»

El Ayuntamiento de Ferrol ha publicado el nuevo folleto turístico «Descubre Ferrol, vive la Semana …