O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol considera que a situación actual derivada da segunda vaga da covid-19 na que esta inmersa, nestes momentos, «o noso país e da que non é allea a nosa cidade», à cal estase a ver duramente afectada, «obriga ao estabelecemento dun plan de axudas extraordinario e urxente para todas aquelas actividades que se ven na obriga de pechar ou que teñen unha redución moi importante como consecuencia das novas restricións«.
O BNG considera que o Concello debería de ter tres liñas de actuación:
Axudas directas e de carácter social
O BNG considera que desde o Concello «deberíamos estabelecer axudas de carácter directo aos colectivos afectados que se deberían complementar con outras de carácter social dirixidas aos veciños e veciñas máis vulnerábeis. Nestes momentos é cando as administracións públicas deben facer un maior esforzo dentro do seu marco competencial. Non se trata, xa que logo, de proceder de xeito simplista a unha baixada xeralizada de impostos e taxas municipais, trátase de ampliar e axustar as bonificacións previstas nas taxas e ordenanzas municipais á nova situación de moitas familias».
Redefinir o modelo de prestación de servizos
Así mesmo «deberíamos comezar a traballar na adopción de medidas noutro ámbito de actuación e que ten que ver coa adopción de medidas de carácter económico destinadas a resolver problemas a curto prazo e de futuro. É necesario que o Concello asuma a necesidade de gastar o diñeiro que ten esta administración na xente e en servizos que a día de hoxe poidan estar precarizados e que son cada vez máis necesarios. Cómpre empezar a destinar os recursos públicos a resolver problemas dos veciños e veciñas mediante un maior investimento público e asumindo que a contratación pública de persoal para prestar os servizos municipais debe ser unha prioridade neste concello. É preciso reverter a dinámica implantada ao longo dos últimos anos consistente en contratar externamente servizos municipais que ademais de que cada vez nos están a custar máis diñeiro están a supoñer unha precarización dos mesmos«.
Compromiso doutras Administracións
O BNG insiste en que a cidade «non pode facer fronte por si soa a todas estas cuestións e máis se temos en conta o déficit estrutural de ingresos que padece Ferrol pola ocupación de terreos por parte do Ministerio de Defensa. Neste senso é preciso esixir do Estado o pago dunha compensación, a incorporar nos orzamentos do estado, co obxecto de paliar esta perda de ingresos municipais. Así mesmo a Xunta de Galiza non pode evadir a súa responsabilidade nin delegar que sexan os concellos quen unicamente asuman cos seus fondos as axudas aos sectores afectados, debemos esixir ao goberno do Estado e á Xunta de Galiza ao estabelecemento de axudas para os sectores afectados polas medidas impostas por estas administracións«.