O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou unha moción ao pleno do vindeiro xoves na que propón que se aproveite a actual limitación de tráfico para iniciar o camiño da peonalización integral do barrio da Magdalena. Así mesmo os nacionalistas instan ao goberno local a habilitar espazos públicos que prioricen o tránsito peonil e a desenvolver un estudo de cara a establecer zonas e percorridos peonís noutras zonas da cidade que poderán ter a condición de carácter temporal ou definitivo.
Nun contexto no que a sociedade está a reclamar máis espazos públicos para poder transitar, no que a reducción do tráfico rodado é unha necesidade e no que as condicións de prevención derivadas da actual crise sanitaria con distancias e espazos de seguridade forman parte da nosa nova realidade «é fundamental que desde a administración local sexamos conscientes de que non podemos seguir ancorados no pasado e non facer nada, neste caso respecto dos espazos públicos e tránsitos no Concello de Ferrol«.
O BNG considera que a situación da mobilidade urbana na cidade «precisa unha revisión urxente e que este é o momento de executar proxectos, como a peonalización do barrio da Magdalena, que a cidade leva anos agardando. Esta medida ademais de contrubuir para termos uns espazos o máis seguros posibles para a saúde contribuirá a posta en valor do casco histórico e a súa revitalización«.
Para os nacionalistas este é «o momento de tomar decisións, de planificar medidas concretas que redefinan os ámbitos peonís e os de tráfico rodado da cidade fuxindo da adopción de medidas baseadas na improvisación. Cómpre aproveitar sinerxias positivas como a apertura da renovada praza de Armas para avanzar definitivamente no proceso de peonalización permanente que esta cidade precisa e ao que os gobernos locais sempre se mostraron recelosos«.
Así mesmo entenden que a cidade debe recuperar, noutras zonas do Concello, espazos para as peóns en detrimento do espazo «que a día de hoxe ocupa o tráfico rodado polo que debemos analizar que zonas son susceptíbeis de convertirse en peonís, ben sexan de carácter temporal ou definitivo».