O Concello iniciará o próximo martes a reparación do aparcadoiro do Sánchez Aguilera

Acondicionamento do aparcadoiro en setembro de 2019 | Concello de Ferrol

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Obras, Servizos e Medio Ambiente, que dirixe Ana Lamas, comezará o próximo martes, día 24 de marzo, os traballos de refocheo no aparcadoiro do cuartel Sánchez Aguilera, adxudicados á empresa Prosema Noroeste por un importe de 12.444,85 euros. A intervención estaba pendente da autorización do Invied (Instituto de Vivienda, Infraestructura y Equipamiento de la Defensa) ao tratarse dun terreo incluído no convenio que o Concello ten co Ministerio de Defensa. En canto se recibiu o permiso, iniciouse o proceso de adxudicación.

A actuación consistirá no arado superficial dos lombos e das fochas das zonas deterioradas, o aporte de áridos para o recebado e o posterior nivelado e compactado da superficie.

O acceso á parcela do aparcadoiro xa conta cun cartel informativo da Policía Local advertindo aos usuarios de que a partir das 00.00 horas do día 24 estará prohibida a entrada nesta área do Sánchez Aguilera polo inicio dos traballos.

O decreto aprobado polo Goberno central que establece o estado de alerta non contempla a paralización das obras públicas, polo que polo momento a intención do Concello de Ferrol é manter e soster a actividade económica da cidade na medida do posible e sempre no marco da lei como medida para evitar despidos motivados pola crise xerada pola expansión do coronavirus. Evidentemente, sen perder de vista o cumprimento das medidas de prevención indicadas polas autoridades para evitar contaxios por coronavirus. A saúde da cidadanía segue a se o primeiro obxectivo, e a el se supedita todo o demais, insiste o alcalde, Ángel Mato.

Lea también

Aparecen pintadas con contenido «xenófobo» en la sede de Cruz Roja en Ferrol

La sede de Cruz Roja en Ferrol ha aparecido con pintadas de contenido «xenófobo«, según …