A Mancomunidade opta a un novo programa de emprego destinado a cen mulleres

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol está a poñer as bases para darlle continuidade ao Programa Integrado de Emprego que actualmente ten en curso. Esta tarde déuselle conta ao pleno dunha solicitude de subvención á Xunta de Galicia para poñer en marcha un novo PIE a finais deste ano. O importe ascende a 225.000 euros, que servirán para financiar o 90 % deste proxecto, destinado a mulleres sen traballo inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

As prazas distribuiranse entre desempregadas con discapacidade (5), en risco de exclusión social e beneficiarias do tramo de inserción da risga (8), vítimas de violencia de xénero (7), menores de 30 anos con baixa cualificación (20), menores de 30 anos cualificadas (21), maiores de 45 (11), perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción (25) e inmigrantes (3).

As accións desenvolveranse en oito concellos. No caso de Ares, ao que lle corresponden 7 prazas, será na Casa de Xuventude; en Cabanas (4), no edificio da Escola Laica; en Cedeira (7), No centro Sociocultural; en Fene (15), na Nave de Formación; en Mugardos (6), no Centro de Formación Francisco Vizoso; en Narón (47), no Centro de formación irmás Froilaz; en Neda (6), na Casa da Cultura, e en Valdoviño (8), na Casa do Concello. Como obxectivo de inserción laboral márcase unha taxa mínima do 35 %.

Na sesión ordinaria celebrada hoxe no pazo municipal de Ferrol tamén se informou da solicitude doutras axudas a diferentes Administracións. Entre elas, unha á Xunta para seguir prestando o servizo de atención temperá a menores de 6 anos con trastornos de desenvolvemento ou en risco de padecelos, así como ás súas familias.

Actualmente canalízase a través de Aspaneps e cubre todos os concellos que forman parte da Mancomunidade. O seu custo aproxímase aos 130.000 euros anuais, e a subvención solicitada serviría para cubrir arredor do 90 % desa cantidade.

Tamén se lle pediu á Xunta unha subvención para a realización de actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, que servirá para continuar co programa que a Mancomunidade desenvolve dende a súa oficina de cooperativismo.

Por outra banda, á Deputación solicitóuselle unha axuda de 15.000 euros para a creación de servizos de normalización lingüística nos concellos de Ares, Cabanas, Mugardos, Neda e Valdoviño, un proxecto que supera os 32.000 euros.

En canto ao fomento do turismo, a Mancomunidade presentouse a dúas convocatorias. Unha, da Administración autonómica, para proxectos por importe de 150.000 euros destinados a promoción (cun aporte por parte da propia entidade supramunicipal que alcanzaría un 10 % do total), e a outra, da provincial, que achegaría 120.000 dos 150.000 euros destinados a accións de mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas.

Lea también

Xunta, Ayuntamiento de Ferrol y Autoridad Portuaria trabajan unidos para crear suelo industrial en la zona de Mandía

El alcalde de la ciudad, José Manuel Rey Varela, y la conselleira de Economía e …