O concelleiro de Urbanismo, Infraestructuras e Mobilidade, Julián Reina, informou dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá no pazo municipal. O edil anunciou que aprobouse por outro ano máis a segunda prórroga do contrato do servizo de xestión da Aula de Ecoloxía Urbana adxudicado á empresa Conforma Forestal. Neste senso, o edil lembrou que o próximo sábado, día 25, se levará a cabo na aula unha das actividades incluídas no terceiro premio do concurso A Rúa É Túa. Ás 11 horas comezará unha charla-coloquio sobre a importancia do arboredo urbano nas cidades e estará aberta ao público en xeral. A continuación, sobre as 12.30 horas, terá lugar a plantación da árbores a cargo de voluntarios que reunirá a asociación Xeración.
Reina tamén anunciou que o Concello de Ferrol vén de conceder o pasado venres a licencia de obra ao Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia para a reparación de cuberta, zonas comúns e vivendas nos aloxamentos piloto para xoves e maiores na rúa Fonte da Greza, 2-4, no edificio Interxeracional de Caranza. O edil dixo que “sabemos que conta cunha serie de deficiencias que é necesario que sexan corrixidas canto antes”. Aí, lembrou, “viven persoas maiores e está entrando auga, e por iso e polo interese dos nosos maiores, esperamos que comecen as obras canto antes”, resaltou.
Reparación do carril bici
O concelleiro aproveitou a rolda de prensa tras a Xunta de Goberno Local para anunciar que xa comezaron os traballos de reparación do carril bici do paseo marítimo de Caranza entre o Conservatorio de Música e o Montón. O importe da obra, que afecta a un tramo de quilómetro e medio, ascende a cerca de 90.000 euros. Esta consistirá na substitución de gran parte do pavimento por outro de formigón armado con maia de ferro e acabado pulido. Ademais, cortaranse as árbores que están a danar o firme do carril bici coas súas raíces.
Reina engadiu que o Concello de Ferrol continúa coa celebración de mesas de contratación electrónica. Esta mesma mañá tivo lugar outra para a licitación do proxecto do aglomerado do Camiño das Cabazas Pedra Blanca, incluído no POS Adicional 2016.
Tamén lembrou que xa se decretou a reapertura do centro cívico de Caranza unha vez que as deficiencias existentes na cuberta do edificio foron reparadas. Os traballos contratados de urxencia o pasado 27 de novembro pola concellería de Obras, que dirixe a edil Ana Lamas, consistiron na reparación da cuberta de zinc, a cuberta plana e a cuberta do salón de actos para evitar a entrada de auga no edificio. O seu presuposto foi de 12.328,87 euros.
Reunión coas asociación veciñais
O edil de Urbanismo anunciou que esta mesma semana se reunirá cos representantes das asociación veciñais afectadas polo novo servicio de transporte metropolitano de Ferrol para informarlles da reunión que mantivo o pasado venres co xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, na que trasladoulles as achegas dos usuarios.