Un total de 17 proxectos preséntanse ao Premio Solidario Cidade de Ferrol

Un total de 17 proxectos solidarios presentáronse á decimosegunda edición do Premio Solidario Cidade de Ferrol, impulsado polo Concello, que cada ano premia iniciativas e programas desenvolvidos no ámbito da solidariedade, a cooperación e o voluntariado promovidos tanto por entidades sociais como por persoas físicas.

En concreto, as entidades participantes no certame organizado pola concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez, son: Síndrome Down. Teima Ferrol, co proxecto Cociña con Down; o Refuxio da Fundación do Santo Hospital de Caridade, co programa Novo Futuro, Querer é Poder; Asotrame, con Como en Casa; ASCM, con Sportod@s Ponlle Cor á Vida; Sogap Saharaui, con Axuda alimentaria nos campamentos de refuxiados saharauis; Acción Familiar, co proxecto Acompáñame, tempo de lecer; Cáritas, da man do seu programa de atención integral a persoas sen fogar Dentro-Fora; o Secretariado Gitano SFG, con Promociona polo éxito escolar da poboación xitana; Parkinson, que presentou Unha postura cara ao parkinson; Cogami, co proxecto Servizo dedaleira; Aecc Loita contra o Cancro con O carriño Don Amable; Aspace, con seu Servizo de Atención Temperá; Saude Mental Ferrol, Eume e Ortegal, cos proxectos Fiando Vivenzas e Monicreques Solidarios; Asfedro da man da iniciativa Educando no Lecer, Infodrogas; Fundación Autismo Coruña, con Ao Teu Carón; e, por último, o Banco de Alimentos Rías Altas, que presenta o seu programa de atención das necesidades das asociacións que integran a entidade.

Martínez sinalou que ademais de ser unha boa oportunidade para “recoñecer e valorar o traballo realizado por las entidades”, o premiado recibe unha axuda “para desenvolver o reforzar o seu proxecto”. Apuntou que “o feito de que se presentasen 17 iniciativas demostra o grao de implicación do noso movemento social”.

Acto de entrega presidido polo alcalde

O próximo día 27 de novembro, ás 11 horas, reunirase o xurado presidido pola concelleira de Benestar Social e integrado por un membro de cada grupo municipal con representación no pleno, o Fondo Galego de Cooperación e a Asociación de Persoas Xordas, entidade gañadora na pasada edición.

O premio consistirá na entrega dun distintivo solidario e o patrocinio e divulgación do proxecto, así como dunha dotación económica de 5.000 euros para financiar o proxecto gañador. O acto de entrega, presidido polo alcalde de Ferrol, Ángel Mato, terá lugar no mes de decembro.

Dúas categorías a partir do ano que vén

A edila Eva Martínez informou tamén de que se está analizando a posibilidade de ampliar o galardón. Así, a partir do ano que vén crearíase unha segunda categoría do Premio Solidario Cidade de Ferrol dedicada especialmente ao recoñecemento de proxectos de cooperación, mentres que a primeira quedaría para os de voluntariado e solidariedade.

Lea también

El TSXG confirma un año y ocho meses de prisión por un robo con fuerza en la cantina de un campo de fútbol en Ferrol

El Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ha confirmado la condena de un año …