O servizo Ferrol+Conectado, a lista de difusión a través de WhatsApp do Concello, alcanzou esta semana os 2.000 subscritores, que a diario se informan da actualidade municipal a través desta canle de comunicación. Con esta cifra, o conxunto de redes sociais do Concello de Ferrol superan os 17.000 seguidores, xa que a páxina de Facebook está próxima aos 10.000 e o perfil de Twitter ten máis de 5.000.
Ademais de noticias, Ferrol+Conectado transmite avisos, incidencias, actualizacións do taboleiro de anuncios do Concello ou, entre outras cousas máis, enlaces ás axendas culturais cando presentan novidades de interese para os cidadáns. O número do servizo é o 608 736 834, e para darse de alta só hai que agregalo á axenda de contactos e enviar unha mensaxe a través de WhatsApp coa palabra “alta” e o nome e apelidos do solicitante. A lista de difusión está a emitir unha media de cinco mensaxes á semana, e o límite está establecido en dous ao día.
A OAC, a mellor forma de contactar co Concello
Ferrol+Conectado está deseñado exclusivamente como lista de difusión, polo que as mensaxes chegan de forma individual e os usuarios non teñen acceso aos contactos do resto dos subscritores. Así mesmo, tampouco serve para a recepción de mensaxes por parte do Concello. Ese tipo de comunicacións son xestionadas pola Oficina de Atención Cidadá (OAC), coa que se pode contactar a través do número de teléfono 981 944 000 e do correo electrónico atencioncidada@ferrol.es. Este último servizo, dedicado especificamente a ocuparse das consultas que formulan os veciños, recibe unha media de máis de 3.000 chamadas ao mes. Neste setembro pasado, foron 3.818, o que supón unha media diaria de 182. Dese total, a 1.422 desas chamadas déuselles traslado directo ao departamento correspondente ou a unha persoa concreta, mentres que 1.385 se resolveron de forma directa e 1.007 foron atendidas por persoal especializado das diferentes áreas do Concello. Segundo estes datos, as máis demandadas, á marxe da propia Oficina de Atención Cidadá (1.385), a de Urbanismo (344 consultas), o grupo municipal do PSOE (259), a de Recadación (242) e o Edificio Social (228).
Tamén existe a posibilidade, como no caso de calquera Administración pública, de contactar co Concello mediante a presentación dun escrito no Rexistro municipal.