O alcalde pediu ao alumnado do colexio das Mercedarias que sexan “os mellores embaixadores” de Ferrol

Ángel Mato falando aos alumnos das Mercedarias | Concello de Ferrol

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, recibiu esta mañá na capela do Torrente Ballester a case 200 alumnos de ESO do colexio Sagrado Corazón como broche final do proxecto educativo “Ferrol, Puerto Pirata” que o centro desenvolveu neste último ano. Os profesores propuxéronse espertar a motivación entre os nenos nos seus estudios e comportamento, e tamén fomentar o sentimento de orgullo pola nosa cidade. Para logralo tomaron como inspiración o libro Puerto Chocolate, do escritor ferrolán Valentín Lamas, un texto que recolle lugares e personaxes de Ferrol cun claro orgullo do noso, tal e como explicou Francisco Requejo, profesor do centro.

Durante a recepción do alumnado expuxéronse algunhas das actividades desenvoltas no marco do proxecto, como unha charla motivadora a cargo de Valentín Lamas, recuperar a memoria de Ferrol da man dos avós, visitas a museos da cidade, percorrido polas meninas de Canido e un encontro no parque Reina Sofía.

A directora do centro, Sonia González, quen agradeceu a presencia do alcalde e fíxolle entrega dun agasallo, recordou que o centro Torrente Ballester é un referente da cultura de Ferrol. Pola súa banda, Valentín Lamas dirixiuse aos alumnos para dicirlles que sigan confiando nos seus profesores e en Ferrol, e terminou a súa intervención cun “Viva Ferrol”.

Dous alumnos do centro subiron ao escenario para relatar algunhas das súas suxerencias para a cidade, entre elas cambiar as papeleiras, adaptar parques infantís a nenos con mobilidade reducida, actividades para mozos e aumentar o carril bici.

Ángel Mato agradeceu as suxerencias dos nenos e aplaudiu a iniciativa educativa do centro e de Valentín Lamas, e tamén pediu aos alumnos dos cousas: que estean orgullosos da súa cidade e que sexan os seus “mellores embaixadores”. Recordou a importancia de traballar unidos pola cidade e resaltou que cando “saiamos levemos no noso corazón unha parte de Ferrol”. E lles pediu un favor, que “contedes a todos o bonita que é a vosa cidade. Viva Ferrol”, dixo. O alcalde entregou á directora o libro da ilustradora ferrolá Elga Fernández.

Lea también

Psoe Ferrol urxe a reparación e mantenemento dos espazos culturais

A concelleira socialista Montserrat Dopico insta ao goberno de Rey Varela «a acometer as obras …