O alcalde e as concelleiras de Turismo e Patrimonio Histórico analizaron varias melloras para o inicio do Camiño Inglés

Ángel Mato, María Teresa Deus e Eva Martínez na visita o inicio do Camiño Inglés | Concello de Ferrol

O alcalde, Ángel Mato, e as concelleiras de Turismo, María Teresa Deus, e de Patrimonio Histórico, Eva Martínez, fixeron un percorrido esta fin de semana por varias rúas de Ferrol Vello para comprobar o estado do inicio do Camiño Inglés e as súas inmediacións e detectar as necesidades de actuación nesa emblemática área urbana. O goberno municipal ten entre os seus proxectos mellorar a ruta a Santiago ao seu paso por Ferrol coa vista posta no xacobeo do 2021, que constitúe unha oportunidade única para darlle pulo ao turismo, despois de que o último ano santo fose no 2010. E moito máis, co interese que nos últimos tempos están a espertar as diferentes alternativas ao Camiño Francés. Por iso, o obxectivo é que a cidade estea preparada para recibir a un número de visitantes que se espera moito máis elevado que en anos pasados.

Mato, Deus e Martínez tamén se acercaron á oficina de turismo situada no paseo da Mariña. Alí, ademais de revisar as dependencias e algunhas necesidades que presenta, falaron co persoal que as atende e examinaron con el posibles iniciativas de cara a mellorar a atención ao público e para facer máis visibles as instalacións para as persoas que visitan a cidade. A sinalización dos puntos de maior interese é un dos aspectos, no ámbito do turismo, nos que o goberno local está a traballar coa intención de facer unha cidade moito máis amable e accesible para os visitantes. Nese senso, o alcalde e as concelleiras empezaron a analizar diferentes alternativas para indicar o inicio do Camiño Inglés, sempre en harmonía co entorno, no peirao de Curuxeiras e no paseo da Mariña, onde agora existe un fito de granito que non sempre é localizado con facilidade polos peregrinos. Esta actuación unirase á que avanzou en días pasados a concelleira de Patrimonio Histórico sobre a instalación de novas indicacións nos edificios máis destacados do barrio da Magdalena.

Durante o percorrido polas rúas de Ferrol Vello, alcalde e concelleiras falaron con varios veciños que lles achegaron diferentes demandas e suxestións, que Ángel Mato lles agradeceu e se comprometeu a estudar.

Lea también

La Policía Portuaria de Ferrol celebró este jueves la festividad de su Patrón, el Cristo de los Navegantes

La Policía Portuaria de Ferrol celebró en la mañana de este jueves la festividad de …