As XSG-Ferrol lamentan que Rey Varela queira «mirarse no espello de Casado para facer retroceder séculos a Ferrol»

As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) lamentaron hoxe que o candidato aalcaldía do Partido Popular, José Manuel Rey Verela, «queira mirarse no espello de Pablo Casado para traer a Ferrol as políticas machistas, de enfrontamento e de retallos que propugna o líder popular alí por onde pasa«.

O secretario xeral da agrupación municipal, Aitor Rodríguez, lamentou que Rey Varela “non se teña desmarcado da política de crispación, retroceso e machismo do Sr. Casado que o único que promove cos seus discursos de insultos e descualificacións é a volta á época das cavernas. Preguntámonos se ese é o modelo que quere Rey Varela para a nosa cidade.

Rodríguez apuntou que “os ferroláns xa saben que ocorre cos servizos sociais cando goberna o PP, polo que non fai falla que o candidato popular traia ao machista Casado para ‘presumir’ e explicarnos o seu modelo: recortes, privatizacións e moitos eufemismos”.

Así mesmo, os mozos socialistas mostráronse sorprendidos de que Rey Varela critique ao Goberno socialista que “garante a carga de traballo dos estaleiros de Navantia e que dará moitas oportunidades aos mozos e mozas ferrolás, pero cale ante o machista Casado, cando o seu Partido é o responsable do atraso de dous anos na construción das fragatas F-110, sen importarlle as familias afectadas na nosa comarca e todos os mozos e mozas que teñen que abandonar a súa cidade por non atopar traballo.”

Rodríguez resaltou o irónico que resulta que “o Partido Popular celebre unha Convención de Benestar Social, cando levan meses bloqueando no Congreso a tramitación das numerosas medidas sociais do Goberno de Pedro Sánchez, e ademais o faga en Ferrol para que o exconselleiro de Política Social, Rey Varela, o aplauda sen pudor”.

Os mozos socialistas dixeron a Rey Verela que “o que precisa Ferrol, non é un alcalde que vai da man dun líder da dereita reaccionaria cunha visión da política baseada no retroceso, nos recortes de dereitos e liberdades e na confrontación”, polo que lle advertiron que eses discursos e políticas se encontrarán de fronte con “centos de mozos e mozas ferrolás que queren ter un futuro na súa terra e seguir crecendo, estudando, traballando e formando a súa familia na súa cidade con dereitos e liberdades”.

As XSG-Ferrol concluíron lamentando que “alguén que quere ser alcalde de Ferrol estea máis preocupado por agradar e aplaudir ao seu líder machista que polos problemas reais aos que a diario se enfronta a veciñanza de Ferrol, e en especial á súa mocidade, que se ve obrigada a marchar da nosa terra por falta de oportunidades”.

Lea también

El centro cívico de Caranza contará con una nueva envolvente

El centro cívico de Caranza entrará en obras en las próximas semanas, tras la adjudicación …