As pedras históricas de Ferrol, o seu esquecemento e maltrato

De sempre a pedra foi un símbolo da intemporalidade e da inmutabilidade en contraste coa caducidade e os cambios propios da natureza humana. O abondoso granito, a pedra de gra galega, é un símbolo que traballado pola man do home e moldeado polo paso do tempo, convértese nunha obra ou nun monumento que proxecta cara ás xeracións futuras a historia dun pobo.

En Ferrol temos o tristeiro caso do Cristo da Tahona, senlleira escultura medieval que constitúe una sinal de identidade da cidade e do barrio de Canido, que leva anos desterrada non se sabe onde. Fai anos que vense a denunciar en diversas publicacións culturais galegas e nos congresos sobre os cruceiros e a arte popular o feito de que unha das máis sobresaíntes e antigas cruces de pedra da Comunidade de Galicia está a sufrir a falta de sensibilidade e o esquecemento dos diferentes Alcaldes e Concelleiros responsables da Cultura de Ferrol.

Outra pedra ilustre ferrolá é o Escudo de Ferrol da Ilustración, o brasón oficial da cidade, que presidiu durante case douscentos anos a fachada do antigo edificio do Concello situado no Paseo das Delicias. Hoxe en día esta fermosa e histórica pedra de armas atópase colocada sen ningunha relevancia no vestíbulo de entrada do Centro Cultural da rúa do Hospital, sen unha triste indicación da honrosa función que desempeñou durante moitos anos. Xa é a hora que o Concello se decate que o primeiro escudo de Ferrol da Ilustración debe estar colocado nun lugar preferente do Centro Cultural.

Outro triste caso é o das dúas senlleiras esculturas case xemelgas dos Leóns do Estaleiro de Esteiro, que estiveron varios anos colocadas á intemperie na porta da Exposición da Construción Naval. Ámbalas dúas esculturas foron colocadas no século XVIII nunha das doce gradas do antigo Estaleiro de Esteiro, coa función de bitas de amarre dos buques alí construídos, como se pode ver en antigos gravados de época. Hoxe están colocados dentro, na entrada do Edificio de Ferrerías, sen indicación algunha da súa antiga e relevante función.

Outro exemplo de desinterese cara ao Patrimonio Cultural de Ferrol é o que está a sufrir o Peto de ánimas de San Xulián, hoxe colocado nun corredor lateral da igrexa ferrolá e que ata fai poucos anos estivo situado na entrada lateral do templo. Trátase dun singular peto de ánimas do século XVII, merecente dun mellor e máis axeitado emprazamento, sendo ademais a única obra exenta que se conserva da antiga igrexa de San Xulián de Ferrol Vello, derrubada o ano 1762 por mor dun “despiste calculado” durante as obras do foxo do Arsenal Militar.

Finalmente cumpre citar unha pedra de armas, un brasón de Ferrol, que hoxe atópase en mans particulares. Trátase dun escudo municipal de pedra, que procede da antiga Cárcere do Partido Xudicial que estivo situada en Caranza e que actualmente atópase colocada nun antigo muíño, rehabilitado para vivenda, situado no barrio de A Cabana.

Vemos como estas ilustres pedras feitas no nobre material de pedra de gra se moven errantes pola cidade. «As pedras falan«, como lembrou Alfonso R. Castelao, e dese xeito contan a súa historia e laianse dos traslados inxustos que veñen a sufrir por non ter un digno e merecente acougo nese Museo da Cidade que leva anos a pedir o Foro de Amigos de Ferrol e que o ineficaz Concello ferrolán non é quen de poñer en función.

Lea también

O Ateneo Ferrolán proxecta o filme «Linda» dentro da programación 25N

Este venres dia 22 as 19.30h dentro da programación do 25N “Día contra a Violencia …