O Concello de Ferrol, a través da área de Normalización Lingüística, ven de convocar o XVIII Certame de Poesía e Imaxe en Galego, Sen Filtro, para todos os niveis de ensino non universitario: Educación Infantil e Primaria, ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos para todos os centros de ensino do municipio: públicos, privados e concertados.
A convocatoria foi remitida esta semana desde a Area de Normalización Lingüística de Ferrol a todos os centros. As modalidades desta 18 edición son poesía, pintura, debuxo, collage, audiovisual e fotografía, sempre para traballos orixinais non publicados antes e que non superen os 5 minutos no caso dos vídeos, que poden estar aloxados na rede (Vimeo, Youtube,..).
O prazo para entregar os traballos, que deben remitirse a Equipa de Normalización Lingüística (CENL) do IES Concepción Arenal, na rúa Cuntis 1, remata o próximo 24 de marzo. Pódense remitir de xeito individual ou colectivo. O xurado realizará a selección dos traballos e os mellores serán expostos no mes de maio.
O certame, que neste curso 2016/2017 chega a edición número 18, consiste en que os alumnos e as alumnas lles poñan imaxe (fotografía, debuxo, colaxe, etc.) a uns versos ou parágrafos que eles mesmos escolleron nas aulas entre 30 textos de distintos autores e autoras do mundo e en diferentes linguas (xaponés, portugués, catalán, francés, castelán, romaní, inglés, éuscaro, chinés, finés, galego, etc.)
Ten por finalidade que os alumnos e as alumnas dos centros de ensino de Ferrol e da comarca coñezan a realidade plurilingüe do mundo da que forman parte con lingua propia.