O «sabio» do volei Ricardo Maldonado impartirá en San Sadurniño un obradoiro de tecnificación

Ricardo Maldonado – RFEVB

A Escola Galega de Adestradores de volei elixiu o pavillón municipal de San Sadurniño para levar a cabo na mañá do domingo 26 a súa primeira xornada de tecnificación pensada para ofrecer todas as claves sobre a preparación de equipos e deportistas nesta disciplina. O poñente principal será Ricardo Maldonado, adestrador do CyL Palencia 2018 e responsable da canteira da selección estatal durante máis dunha década, quen abordará tanto os apartados do adestramento físico como táctico. O prazo de inscrición nesta actividade está xa aberto a través do correo adestradores@fgvb.es, a onde haberá que mandar cuberta a solicitude de participación xunto co xustificante de ter ingresada a matrícula, que é de 15€ por persoa ou de 10 € no caso de que acudan tres ou máis membros dun mesmo club. A actividade está organizada pola Escola Galega de Adestradores, o CV Aldebarán e o Concello, en colaboración coas federacións galega e estatal.

O obxectivo desta I Xornada de Tecnificación para adestradores e adestradoras é o de dotar os cadros técnicos de ferramentas de traballo para a mellora do rendemento dos equipos, a través dunha sesión intensiva de mañá -de 9 a 14 horas- con parte teórica e práctica.

O público obxectivo da iniciativa son as persoas que se encargan da preparación física e técnica dos equipos, aínda que tamén está aberta a deportistas, árbitros, persoas coa licenzatura ou a diplomatura en Educación Física, alumnado de INEF, psicólogos e psicólogas deportivas e, en xeral, a calquera persoa vinculada co mundo do volei.

A sesión impartiraa Ricardo Maldonado, un dos referentes formativos do volei estatal e responsable como primeiro adestrador da «factoría de estrelas» que é a Concentración Permanente Xuvenil masculina situada en Palencia.

A selección deste centro de alto rendemento ten no seu programa anual foguearse na SM2 coa denominación CyL Palencia, equipo que visitará San Sadurniño o sábado 25 para medirse co Intasa. Aproveitando a coincidencia no calendario, a Escola Galega de Adestradores e mailo Aldebarán, botarán man da sabedoría deste arxentino que regresou recentemente a España tras unha breve paréntese adestrando á selección xuvenil catarí.

O prezo deste curso acelerado de tecnificación é de 15 euros, aínda que o prezo baixa a 10 euros por persoa a partir de tres membros dun mesmo club. Para apuntarse será necesario cumprimentar o boletín de inscrición e envialo xunto co xustificante do ingreso na conta da FGVB -ES71 0081 0499 6400 0137 8440 -a adestradores@fgvb.es, con data límite o 23 de novembro.

Ao remate da xornada, a Federación Galega de Voleibol concederá un certificado de asistencia.

Lea también

El Baxi Ferrol quiere seguir con su pleno de victorias en la Eurocup este miércoles ante SL Benfica

Penúltimo capítulo del octubre intenso para el Baxi Ferrol, recibiendo este miércoles al SL Benfica, …