O concelleiro de Deportes, Román Romero, presentou esta mañá no Consistorio a duodécima edición do “Torneo de golf Cidade de Narón” acompañado polo secretario do Club de Golf Campomar, Francisco Alarcón. O evento desenvolverase esta fin de semana, os días 27 e 28, nas instalacións do Club de Golf Campomar, no lugar de Vilacornelle, na parroquia do Val. O Concello de Narón colabora un ano máis neste evento, a través do Servizo Municipal de Deportes. O concelleiro responsable da área animou aos afeccionados a este deporte a competir neste torneo, que se disputará en varias categorías e no que se repartirán un total de nove premios. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo ata o propio venres día 27 antes das 12.00 horas na páxina: http://clubcampomar.com, nas instalacións do clube, ou chamando ao número de teléfono 981 453 910.
Alarcón explicou que o torneo, no que se espera a participación dun centenar de xogadores, comezará o venres ás 14.30 horas e o sábado disputarase en horario de mañá e tarde, desde as 9.00 e a partir das 14.30. Haberá trofeos para as modalidades de Scratch e para os primeiro, segundo e terceiro clasificados de primeira e segunda categoría, ademais de para o Mellor Aproach dos foxos 1 e 10 e para o Mellor Xogador Infantil. A entrega de premios, así como o sorteo de varios artículos de material deportivo, terá lugar o sábado, día 28, a partir das 20.00 horas.
“Trátase do torneo máis emblemático do Club de Golf Campomar e ao, tempo, sitúa a Narón no mapa autonómico do golf, ao ter xa unha gran tradición”, subliñou Alarcón.
Román Romero agradeceu o traballo realizado desde o clube para convocar ano tras ano este evento deportivo na cidade e animou á veciñanza a participar no torneo ou achegarse ás instalacións do clube no Val para gozar deste evento deportivo.