O Concello de Ferrol, a través da concellería de Emprego e Promoción Económica, ven de abrir o prazo para anotarse nos dous obradoiros que se van a desenvolver nos meses de setembro, outubro e novembro, no Centro de Emprego do Concello, na rúa Sagrada Familia , 56, en Catabois.
Trátase dunha completa oferta de accións formativas dirixidas ao fomento da actividade emprendedora nas que combinará sesións teóricas con visitas a empresas competitivas e sostibles, implantadas no Concello de Ferrol e na súa contorna.
Por un lado, desenvolverase dous obradoiros de Motivación para o Emprendemento Sostible dirixidos a aquelas persoas que estean valorando a posibilidade de emprender:
1º OBRADOIRO DE MOTIVACIÓN PARA O EMPRENDEMENTO SOSTIBLE: Datas: venres 29 de setembro. Horario: 10:00 a 14:00 h.
2º OBRADOIRO DE MOTIVACIÓN PARA O EMPRENDEMENTO SOSTIBLE: Datas: xoves 26 de outubro. Horario: 10:00 a 14:00 h.
Por outro lado, os días 13, 14, 15 e 16 de novembro, en horario de mañá das 10:00 ás 14:00h terá lugar o Campus de Emprendemento Sostible dirixido a aquelas persoas que xa teñan unha idea de negocio e queiran analizar a súa viabilidade. Neste campus traballarase coas persoas participantes a maduración da idea empresarial.
Este programa de Emprendemento Sostible comezaba a súa andaina no mes de abril. “É unha aposta senlleira polo emprendemento que se basea na experiencia e na que destaca, sobre todo, a formación”, resumía o concelleiro de Emprego, Álvaro Montes, na súa presentación. A primeira parte deste programa rematou no verán retómase, nunha segunda convocatoria, este outono.
O programa formativo, expuxo Montes, tal e como está deseñado, está composto por un total de 6 accións formativas divididas en función do perfil das persoas emprendedoras segundo o grao de maduración da súa idea empresarial e con dous tipos de actividade (4 obradoiros e 2 campus), e 120 prazas sen ningún tipo de custo que se cubriron por orde de inscrición.
Os CAMPUS de EMPRENDEMENTO SOSTIBLE, son un proxecto formativo cunha metodoloxía innovadora que consiste na combinación de sesións teóricas con visitas a empresas competitivas e sostibles, implantadas no concello e na súa contorna, que poden servir como referencia para os emprendedores/as locais.
Servirá, polo tanto, de punto de encontro e interacción entre persoas con potencial emprendedor e persoas responsables de empresas sostibles do concello de Ferrol. As primeiras buscarán clarificar o seu futuro e as segundas tratarán de ser o espello no que reflectirse, un espello que recolle a imaxe de empresas economicamente rendibles, socialmente comprometidas e medioambientalmente respectuosas.
Ademais, unha vez finalizadas as sesións teóricas e prácticas, porase a disposición do conxunto de participantes nos campus de viabilidade empresarial, unha bolsa de titorías para completar o proceso de maduración e análise iniciado durante a acción formativa.
Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar nestas accións formativas poden inscribirse ou ben no Centro de Emprego do Concello de Ferrol (R/ Sagrada Familia, 56, teléfono 981 94 41 95)) ou ben a través da páxina www.ferrol.es/emprego.