O proxecto Candieira celebrou este mércores dos encontros na Casa do Pescador de Miño

O proxecto de cooperación Candieira, que promoven seis Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) (Ría de Pontevedra, Golfo Ártabro Norte, Costa da Morte, Seo de Fisterra-Ría Muros-Noia Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda), celebrou este mércores dous encontros na Casa do Pescador de Miño.
O obxectivo desta Rede de apoio e promoción das mulleres do mar en Galicia, que conta con financiamento da Consellaría do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), é alentar e acompañar o emprendemento das mulleres nas zonas costeiras dos territorios dos GALP participantes e impulsar a súa autoorganización e reforzo desde o colectivo.

Aos encontros que coordina o GALP Golfo Ártabro Norte no seu territorio, que abarca os concellos de Paderne, Neda, Narón, Mugardos, Miño, Ferrol, Fene, Cabanas, Pontedeume e Ares acudiron responsables políticos e técnicos de diferentes áreas municipais: desenvolvemento local, igualdade, emprego, xuventude e cultura, e tamén persoas de confrarías, entidades sociais e empresariais, asociacións culturais, ambientais e patrimoniais. Todas elas serán as que constitúan o grupo motor que pilotará e guiará Candieira.

Talleres en setembro

Candieira quere “visibilizar o papel das mulleres dos territorios costeiros, o seu entramado empresarial, asociativo e cultural de cada zona e que sirva de revulsivo”, explican desde o equipo técnico de Candieira.

Tamén quere ser “unha ferramenta útil para enfrontar problemáticas concretas do sector”. Precisamente, unha das potencialidades de Candieira é “a súa flexibilidade” xa que nace e se constitúe desde a base, desde o análise concreto da realidade da zona, adaptándose a ela.

A fase central do proxecto comezará en setembro, coa organización de talleres en todos os territorios dos
GALP participantes. Serán espazos de xeración de proxectos e experiencias ligadas ao mar nos que todas as ideas individuais e colectivas serán benvidas. Un dos retos do proxecto é que destes obradoiros xurdan sinerxias e se poidan testar iniciativas que desemboquen en proxectos empresariais ou asociativos.

A inscrición, de balde, dirixirase a mulleres emprendedoras dispostas a mergullarse na xeración de
experiencias innovadoras e intercambiar saberes e coñecementos, ao tempo que se vai tecendo unha rede de traballo colaborativa.

Para iso, é de vital importancia a implicación dos axentes locais e das persoas que a título individual
acudiron hoxe aos encontros para informarse sobre o proxecto e achegar necesidades e potencialidades.

En concreto, no territorio do GALP Golfo Ártabro Norte falouse das oportunidades que xera o sector primario como a comercialización e transformación de produtos do mar, ou das que presentan as actividades de turismo activo e sostible.

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …