O Foro Ferrol Vivo organizou a mesa redonda deportiva #ElasTaménXogan

Instante do acto – Foro Ferrol Vivo

Na mesa redonda que se celebrou no centro cívico de Canido «Elas tamén xogan: Visibilidade de deporte feminino en Ferrol» participaron mulleres representantes de diferentes disciplinas e eidos deportivos: Carmen Fernández, xogadora do Universitario; Alejandra Bujía, árbitra de fútbol sala; e Fina Sixto e Begoña Amor, presidenta e integrante da directiva do Club Raiola de patinaxe. Ademais, a mesa contou coa intervención de Juan Quijano, xefe de Deportes de Diario de Ferrol, que deu a súa visión do papel dos medios na visibilidade das mulleres no deporte, neste caso da prensa local. Moderou o debate a voceira do Foro Ferrol Vivo, Eva Martínez Montero, que ademais é a delegada do equipo infantil do Club Canido.

Durante as intervencións, púxose enriba da mesa a necesidade de implicar ás administracións na procura da igualdade -en subvencións, contías de premios ou mesmo no establecemento dos horarios de adestramento-, ás empresas á hora de apostar polo deporte realizado por mulleres, e aos medios de comunicación como canle de difusión prioritario para visibilizar e, polo tanto, poñer ao mesmo nivel o deporte feminino que o masculino. Así mesmo, tanto as relatoras como o público asistente, que foi moi participativo, coincidiron na importancia da educación en igualdade en nos valores positivos do deporte, baseada en tres pilares: en primeiro lugar, na casa coa familias, en segundo, na escola, e en terceiro, nos propios clubes, con persoas preparadas e formadas nestes valores.

Con esta iniciativa remata a campaña de redes #ElasTaménXogan, pola que durante dous meses o Foro Ferrol Vivo estivo promovendo noticias e fotografías de mulleres nos diferentes eidos do deporte.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …