A campaña #ElasTaménXogan, que promoveu o Foro Ferrol Vivo ao longo destes últimos dous meses, chegará ao seu fin cunha mesa redonda que terá lugar o vindeiro xoves, día 8 de xuño, ás 19 horas no Centro Cívico de Canido. Nesta iniciativa participarán mulleres representantes de diferentes eidos do deporte, que explicarán a súa experiencia e visión sobre a situación da igualdade neste campo.
Durante dous meses, o Foro Ferrol Vivo desenvolveu unha campaña en redes dirixida a visibilizar ás mulleres no deporte, tanto xogadoras como adestradoras, representantes de clubes e federacións ou árbitras, de todas as modalidades e categorías. Así, tanto dende o Twitter @unferrolvivo como dende a páxina de Facebook Foro Ferrol Vivo, subíronse fotografías –moitas delas enviadas por veciños e veciñas da cidade e da comarca- e noticias vencelladas co deporte feminino para tratar de reinvidicar a igualdade e unha maior relevancia social da que teñen na actualidade na maior parte dos casos.
E, unha vez rematada esta campaña, o Foro Ferrol Vivo organiza unha mesa redonda, na que, ademais de proxectar as fotografías recibidas ao longo deste tempo, debatirase sobre a situación das mulleres no deporte e, dun xeito específico, na nosa cidade. Así, dende as sete da tarde do xoves 8 de xuño, participarán a xogadora do Universitario Carmen Fernández, a árbitra de fútbol sala Alejandra Bujía e a presidenta do Club Raiola de patinaxe, que estarán moderadas pola voceira do FFV, Eva Martínez, que ademais é delegada do equipo infantil do Club Canido. Tamén tomará parte desta mesa o xefe de deportes de Diario de Ferrol, Juan Quijano, que exporá a súa visión sobre o papel dos medios de comunicación na difusión do deporte feminino.
A asistencia a esta actividade é aberta e dende o Foro faise un chamamento a participar, xa que “entre todas e todos podemos contribuír e facer unha sociedade máis igualitaria, comezando polo deporte, onde se exerce, sobre todo nas súas bases, un labor educativo moi importante”.