O Pazo da Cultura de Narón acollerá este sábado, día 20, un concerto do grupo galego de música celta Luar na Lubre. A cita dará comezo ás 20.00 horas e as entradas están á venda na billeteira do Pazo ou na páxina web do Padroado da Cultura –www.padroadodecultura.es– a un prezo de 12 euros para o público en xeral e de 8,40 para abonados, menores de 14 anos e desempregados.
Luar na Lubre interpretará temas do seu último disco, titulado “XXX Aniversario”, con trinta cancións, entre elas tres versións actualizadas de composicións gravadas anteriormente: “Morrison´s jig”, “O soldado desgraciado” e “Dun tempo para sempre”, que combinarán na actuación con outros clásicos recoñecidos pola gran traxectoria deste grupo. Recoñecido a nivel autonómico e estatal, Luar na Lubre conta, entre outros, con nove Premios de Música concedidos pola SGAE e pola Academia de las Artes y de la Música, un premio “Mestre Mateo” pola música do seu DVD “Un bosque de músicas” e dous discos de ouro.