Fran Bermúdez convida a sentir nunha nova estrea virtual da Chanfaina Lab

Fran Bermúdez – Concello de San Sadurniño

Proseguen as estreas en youtube das pezas participantes na última edición do encontro audiovisual Chanfaina Lab. E a máis recente é dun director de aquí que nestes momentos anda vivindo e traballando polo estranxeiro e que, malia iso, conseguiu presentar unha peza na que fala da súa «verdadeira casa» no lugar da Lobeira, en Santa Mariña do Monte. Fran Bermúdezaínda non dixéramos o nome– cose planos sinxelos e directos, afastados de artificios visuais e conceptuais para facernos solidarios do que el mesmo sinte vivindo nese lugar, para transmitirnos sensacións gardadas en pequenos detalles como a escuridade dunha noite chuviosa, a xeada nas campeiras, a visión dun xato recén nado ou a última ollada ao fogar que se deixa atrás e coa que sempre comeza a morriña. Coma sempre, en Fálame de San Sadurniño podemos ver o vídeo e unha completa reseña da peza e do seu autor escrita polo profesor Manolo González, que reproducimos a continuación.

Nado en Ferrol en 1978, Francisco Bermúdez é músico esporádico, debuxante afeccionado de cómics, compositor, gravador e montador de vídeo vocacional. Fascinado por viaxar, ingresou na Armada onde chegou a cumprir o seu soño, pois –despois de 2000 días de mar– visitou 40 países e 86 cidades. Casou e veu vivir ao lugar de A Lobeira, na parroquia de Santa Mariña do Monte. Alí comezou a escrita dun blog persoal de referencia en San Sadurniño “Vivo na Lobeira”.

Desde hai un tempo, Fran decidiu gravar en vídeo experiencias cotiáns, ideas e sensacións. Boa proba da súa teima cinéfila foi a peza presentada na anterior Chanfaina lab «Quixera». No 2016 foi trasladado á cidade holandesa de Brunssum onde traballa no Mando Aliado das Forzas Conxuntas da OTAN. Alí non tardou en manifestárselle a grave enfermidade da morriña, polo que tamén rexenta e atende a “Embaixada da Lobeira nos Paises Baixos”.

Por motivos laborais, Fran non puido estar nos días de gravación da Chanfaina lab, mais o seu espírito inquedo e xeneroso «obrigouno» a participar nesta edición. Tiña moi encarreirada a súa peza documental sobre unha veciña da Lobeira: «a miña idea orixinal era facer unha curta monográfica sobre «Inolita da Lobeira«. Mais coma sempre, pasada a “festa” acontecéronme cousas mais ou menos importantes: mudanza ao estranxeiro, arranxar papeis, procurar casa, desenferruxar o meu inglés, traducir facturas do holandés, visitas turísticas, visitas mesmo ao veterinario con Lina, a “starring” da miña curta, e un longuísimo etc. O caso é que fun deixando a curta ata Nadal, primeiro, e tras o batacazo que supuxo que Inolita non quixese colaborar comigo, cousa que me dixo a unha semana de retornar a Brunssum, non me quedou outra que tirar de maxín e cos poucos vídeos que tiña gravados co móbil na casa -na miña casa de verdade, non a de aquí- para meterlle polo medio ao “monográfico” citado, comecei a montar a peza, que si é verdade que quedou «curta», pero bueno, para o ano máis e mellor, espero

En «Sentimentos» seguimos asistindo ao proceso de crecemento dun cineasta na procura da súa mirada propia, poñendo o foco diante do que lle acontece, sinte e vive. Un puzle de emocións e sentimentos agromados da experiencia migratoria no latexar dun recuncho a outro da Unión Europea. Nesta peza minimalista –que dende a Chanfaina lab agradecemos de corazón, polos problemas de toda índole que tivo nesta edición- , Fran Bermúdez pretende tan só que cada espectador/a se interrogue polos seus propios sentimentos:: «Posiblemente, case seguro, que non sintan o mesmo ca min, e ese é en efecto, o que busca o “¿e ti que sentes?” do final; a verdade que non espero que ninguén coincida comigo en todos os sentimentos que se amosan, mais si que agardo que entendan a miña percepción e a comparen coa deles«.

A Chanfaina lab e a veciñanza da Lobeira seguen a agardar máis filmes de Fran Bermúdez nas vindeiras edicións desta experiencia colectiva que procura implicar a veciños e veciñas de San Sadurniño na creación audiovisal.

Lea también

El ferrolano Ángel Arias recibe la beca de formación artística internacional en Suiza Centro de Arte FMJJ

La ayuda, dotada con 25.000 euros, permitirá al creador gallego cursar el Máster de Bellas …