Profesionais de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Xerencia Integrada de Ferrol recibiron o premio o seu proxecto As TIC como nexo multidisciplinar entre o médico de atención primaria, o cardiólogo e o paciente experto. Este galardón foi concedido onte polo Colexio Oficial de Médicos de A Coruña, e concrétase na elaboración dunha plataforma web para a formación cardiolóxica, que permite ofrecer materiais específicos, vídeos e exames que transforman a un paciente crónico nun paciente experto e proactivo. Este espazo será posible grazas á colaboración do Servizo de Cardioloxía do CHUF cos profesionais dos centros de saúde e a Asociación Amicor (Amigos do Corazón) de Narón.
“É un proxecto único en Galicia que supón a colaboración entre os profesionais do hospital e do centro de saúde; e que aposta por involucrar ó paciente na súa enfermidade cun modelo de aprendizaxe de igual a igual, xa que está demostrado que implicar ó paciente na súa enfermidade ten un efecto beneficioso”, explica o especialista en Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario, Emiliano Fernández-Obanza Windscheid, que recollía a mención en nome de tódolos implicados no proxecto.
Paciente experto para mellorar en saúde
Como indican na memoria do traballo, Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol puña en marcha o pasado ano unha páxina web, Cardiosaudeferrol, destinada exclusivamente á información para o paciente cardiolóxico e as súas familias. Con máis de 40 capítulos, tratan dende aspectos da prevención cardiovascular ata as explicacións sobre as enfermidades cardiovasculares de maior prevaleza, e as probas que son necesarias para diagnosticalas. Este é un primeiro paso para que o paciente teña máis e mellor información.
Xunto con isto, “grazas a unha aposta polo asociacionismo -afondan- os profesionais de Atención Primaria de Narón puxeron en marcha unha asociación de pacientes cardiolóxicos, Amicor (Amigos do Corazón), que coordinados por un médico do centro de saúde de Narón, Carlos Piñeiro, desenvolven iniciativas para a rehabilitación integral destes pacientes”. O “excelente clima de colaboración” -subliñan- levou a un paso máis, este proxecto premiado, xa que “queremos formar ós nosos enfermos cardiolóxicos para cambiar o paradigma con individuos proactivos en lugar de pasivos na relación médico-paciente”. Dispor dunha plataforma de formación “permitirá implementar inicialmente o proxecto cos pacientes desta asociación, para estendelo posteriormente a tódolos centros de saúde da área sanitaria ferrolá”, explica Emiliano Fernández-Obanza.
Con esta plataforma web para a formación, ofreceranse materiais adicionais e específicos, nos que se inclúen vídeos e exames coa fin de preavaliar e avaliar a capacitación dos pacientes expertos, que poidan colaborar cos seus médicos, e facilitar e axudar a outros pacientes.
Seguindo a liña que a Organización Mundial da Saúde (OMS) define como alfabetización da saúde, dispor dunha información sanitaria actualizada e comprensible sobre o proceso de saúde é unha demanda crecente do cidadán, e resulta necesario tomar decisións acorde cos seus valores e preferencias, o que se sabe que incrementa a efectividade das terapias e mellora a satisfacción. “O paciente debe abandonar o papel pasivo e adquirir unha actitude proactiva, fundamental para implicarse na promoción da saúde”, destacan os profesionais. Este proxecto premiado pretende aliñarse coa necesaria integración asistencial da atención primaria coas asociacións de pacientes, materializando unha plataforma en liña que permita a formación deses pacientes expertos.
Traballo en prol da saúde cardiolóxica da área
A creación da páxina web www.cardiosaudeferrol.com, única en Galicia e feita especialmente polos profesionais da área sanitaria ferrolá para os seus pacientes cardiolóxicos, pon a disposición da poboación desta área información, coñecementos, e ferramentas para coidar o sistema cardiovascular, como indican na propia páxina, “un espazo con información específica e actualizada para pacientes afectados por enfermidade cardiovascular”. Está elaborada por un grupo de profesionais de Cardioloxía, Endocrinoloxía, Hematoloxía, e Radioloxía “implicados non só na curación da enfermidade cardiovascular, senón na educación sanitaria, co obxectivo de acceder á recuperación e á mellora da calidade de vida”.
Estes profesionais de Cardioloxía decidiron pór en marcha esta páxina xa que as enfermidades cardiovasculares son a primeira causa de morte en Galicia; e consideran que se debe manexar unha medicina predictiva, preventiva, personalizada e participativa, na que se logre que o paciente teñas os máximos coñecementos e habilidades para tomar decisións e promover a súa propia saúde. Iso permitiralle o autocoidado e a autoxestión da súa saúde. Por outra banda, as Tecnoloxía da Información no ámbito sanitario permite unha intervención activa e informada, multiplicando as canles informativas en torno á súa enfermidade, e isto favorece modelos de atención que permitan que o paciente evite desprazamentos innecesarios ó centros. O 50% das persoas confía en Internet para a procura de información relacionada coa saúde. A clave é elixir as fontes más axeitadas ó perfil de paciente e á súa patoloxía.
A información que recolle a páxina é rigorosa e está avalada polas Sociedades Científicas no eido cardiolóxico, tanto a Española como a Galega. Está redactada por profesionais de medicina e de enfermaría con consellos e recomendacións específicas para cada patoloxía. “Os mesmos que che dariamos na consulta ou ó darte de alta no hospital”, especifican no espazo electrónico, dirixíndose directamente ó paciente. “Ó ser un documento electrónico permite que se poda consultar con máis detemento e sosego no domicilio polo propio paciente ou pola súa familia. Cardiosaudeferrol está dirixida ós pacientes con enfermidade cardiovascular, que poden ver que é a enfermidade, as distintas síntomas, as diferentes probas, e como e onde teñen que facelas, “que teñan toda a información que se lle dá na consulta accesible no ámbito electrónico”. A plataforma formativa será un chanzo máis para mellorar a saúde cardiovascular da poboación da área sanitaria ferrolá.