O concelleiro de Deportes de Narón, Román Romero, e o coordinador deportivo da empresa Arasti Barca, Miguel López, informaron esta mañá de que as persoas interesadas poden formalizar desde hoxe mesmo e ata o mércores 19 deste mes a súa participación na andaina inaugural da segunda edición da iniciativa Ponte en Ruta con Nós que terá lugar na mañá do domingo 23 de outubro e decorrerá pola zona da Cabana, en Ferrol. Quen desexe participar ten que formalizar obrigatoriamente a súa inscrición no polideportivo da Gándara, de luns a xoves en horario de 10 a 13 horas e de 16:30 a 18:30 horas, e os venres de 9 a 13 horas, e pagar os 3 euros de custe fixados para o avituallamento e os desprazamentos en autobús ata as zonas de recollida.
O edil de Deportes explicou que a continuidade deste programa de andainas populares, que principiou o ano pasado en Narón, débese ao «éxito da primeira edición, na que participaron máis de 1.110 persoas, e tamén á importancia que ten para nós a difusión de hábitos saudables e a erradicación do sedentarismo entre a poboación do noso concello». Román Romero subliñou, asimesmo, que precisamente o desenvolvemento deste programa permitiu crear vínculos entre os participantes que se traduciron na organización de andainas á marxe das que estaban fixadas no calendario organizado polo Padroado de Deportes e pola empresa que xestiona as escolas deportivas municipais, Arasti Barca. «Ese é un dato que xustifica por si mesmo a continuidade desta iniciativa», engadiu.
Nesta edición, os roteiros sobardarán os límites do termo municipal de Narón e, así, chegarán tamén a outros puntos da comarca, como Ferrol, Mugardos, A Capela, etc. En total, serán oito andainas, unha cada mes desde o presente de outubro ata xuño, coa excepción de decembro. As datas, que poden variar, así como os itinerarios, por causa de forza maior, son as seguintes: 23 de outubro, 27 de novembro, 29 de xaneiro, 26 de febreiro, 26 de marzo, 30 de abril, 28 de maio e 25 de xuño.
Para participar en cada unha das rutas, as persoas interesadas teñen que inscribirse entre o día 1 e o mércores anterior á andaina no polideportivo da Gándara. En todas elas, o punto de encontro será o polideportivo deste mesmo barrio e, desde alí, un autobús trasladará os participantes á zona na que se desenvolverá cada roteiro.
As persoas participantes recibirán unha cartilla na que a organización irá cuñando a asistencia a cada unha das andaina. Ao remate do programa, o 25 de xuño, haberá agasallos que premiarán, entre outras cousas, a fidelidade ao programa.